San Román de Cervantes celebra a III Feira en Defensa do Gandeiro de montaña

LugoXa
San Román de Cervantes celebra o vindeiro 13 de maio a terceira edición da Feira en defensa do gandeiro de montaña
Feira Gando cervantes portada 2
Feira Gando cervantes portada 2
9 may 2023

San Román de Cervantes acolle a terceira edición da Feira en Defensa do Gandeiro de montaña este sábado 13 de maio.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, e o presidente da asociación Territorio Verde, Miguel González Vilela, xunto a outros representantes deste colectivo, presentaron este luns no Pazo de San Marcos a terceira edición da feira  que reunirá ao redor de 60 gandeiros e 180 animais en San Román de Cervantes.

A institución provincial achega 5.000€ para impulsar esta feira de reivindicación do rural, sinalou Pablo Rivera Capón, que “está a medrar ano tras ano, e que, sen dúbida, contribúe a potenciar o noso sector primario, a poñer en valor a actividade gandeira, e a manter vivas as formas de ocupación socioeconómica e as paisaxes da Montaña, e con elo, o futuro do noso rural, en definitiva, o futuro da nosa provincia”.

“Esta feira, que é motivo de celebración e que ten un retorno económico importante, contén tamén un factor de reivindicación da importancia de preservar as actividades tradicionais para garantir a pervivencia do noso rural, para fixar poboación, para manter a nosa identidade cultural, para a ordenación do territorio e para o coidado do medio ambiente”, recalcou o deputado.

Pablo Rivera loou o traballo, tanto do alcalde de Cervantes, como dos organizadores, por recuperar hai tres anos unha tradición que non se repetía dende 1985, e animou a todos os lucenses e as persoas que visitan a provincia a que se acheguen á localidade este sábado “para vivir un día de festa e axudar a poñer en valor as nosas tradicións”.

Unha feira ó xeito de hai 40 anos

A Asociación Territorio Verde co apoio do Concello recuperou no ano 2019 esta tradicional feira co obxectivo de poñer en valor a actividade gandeira e enxalzar o espírito das feiras de hai 40 anos que se celebraban ao aire libre e eran o principal punto de venda de gando na Montaña lucense. Na súa organización colaboran unhas 90 persoas, dende o Concello, a asociación, negocios da comarca, e persoas que de xeito desinteresado se amosan voluntarias para sacar adiante o evento.

A xornada dará comezo ás 8.00 coa recepción do gando e a recollida de credenciais e ás 10.00 haberá unha votación do xurado según as diferentes categorías. Ás 11.00 Os Xardois e Os Gaioleiros serán os primeiros encargados de por música a esta xornada para continuar as 12.00 coa subasta de novillas de Acruga e a entrega de premios ás 13.30. Xa despois de comer será a quenda de Tania y su acordeón que actuará ás 16.30 e ás 19.00 haberá un sorteo de 500 puntos.

Na súa terceira edición, a Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña contará con exposición e venda de animais e maquinaria agrícola. Participarán ó redor de 60 gandeiros e gandeiras con 180 cabezas. Ademais de gando vacún, haberá tamén cabalos, cabras ou ovellas, así como postos de pulpeiros, comerciantes da zona e música tradicional.

Feira Gando cervantes