San Xiao de Mos enxalzará as cualidades gastronómicas da Galiña de Mos no certame anual do 25 de outubro

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
A Vicepresidencia da Deputacíon de Lugo apoia a organización da XV Expodegustación Galiña de Mos, impulsada polos criadores locais e Avimós
presentacion-expodegustacion-galina-de-mos
13 Oct 2026

A parroquia de San Xiao de Mos celebra o 25 de outubro a decimo quinta edición da Expodegustación Galiña de Mos, organizada pola Asociación de Veciños de San Xulián de Mos e Avimós, coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O deputado de Rural Daniel García e representantes das entidades organizadoras presentaron a xornada, que pon en valor as calidades gastronómicas da galiña de Mos, na parroquia chairega que lle deu nome a esta raza autóctona, a maior do Estado en número de exemplares e produción.

A exposición concurso de raza de Mos, que reunirá arredor de 70 exemplares de criadoras e criadores da comarca, e o xantar, cun menú elaborado con produtos subministrados polos criadores locais protagonizarán a xornada. As e os comensais poderán degustar Galo de Mos guisado ao xeito tradicional, arroz con Galiña de Mos e ovo frito de Galiña de Mos.

Daniel García valorou “o traballo conxunto e continuado dos criadores e criadoras de San Xiao de Mos para organizar e soster no tempo a organización desta xornada que visibiliza e reivindica a localidade como núcleo orixinario da recuperación desta raza autóctona” e destacou “a necesidade destes encontros gastronómicos para poñer en valor o produto e favorecer unha demanda que recompense e faga rendible o traballo dos criadores e criadoras”

A contorna do campo da feira de San Xiao de Mos contará tamén con postos artesanía e unha mostra de coches clásicos, con vehículos que saíran ás 11.00 de Castro Ribeiras de Lea e que chegarán ás 12.00 horas a Mos. Unha proba da liga galega de billarda, xogos populares a cargo da Asociación Cadaval e as actuacións musicais da Banda de Música e do Trío Ronsel animarán o recinto ao longo do día.

0.11677980422974