Sanidade licita un novo acelerador lineal para reforzar a radioterapia do HULA

LugoXa
O equipamento, cun investimento de 2,7 millóns de euros, incorporará tecnoloxía de radioterapia adaptativa e situará o hospital lucense como referente en imaxe avanzada
HULA-hospital-Lugo-portada
22 Jun 2026

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, vén de publicar no Portal de Contratos Públicos a licitación para a subministración dun acelerador lineal destinado ao servizo de radioterapia do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), por un importe de 2.758.000 euros.

Esta contratación supón o primeiro paso para a renovación do equipamento de aceleradores lineais no conxunto da comunidade autónoma, enmarcándose como avance do Plan de alta tecnoloxía do Servizo Galego de Saúde.

O novo equipo incorpora tecnoloxía de radioterapia adaptativa, que permite axustar o tratamento de forma diaria en función da evolución clínica de cada paciente. Ademais, mellora a precisión das sesións e contribúe a reducir os efectos secundarios asociados á radiación.

Coa súa posta en marcha, o HULA converterase no primeiro centro do Servizo Galego de Saúde en dispoñer desta tecnoloxía, que inclúe un sistema de imaxe integrado de última xeración, capaz de obter imaxes de alta calidade nun menor tempo e cun campo de visión máis amplo.

Este avance permitirá calcular a dose directamente sobre a imaxe obtida no propio acelerador, evitando a necesidade de probas adicionais de diagnóstico por imaxe e reducindo os tempos de cada procedemento.

O prazo de presentación de ofertas para as empresas interesadas permanecerá aberto ata o 7 de xullo.

0.13622784614563