Santa Eulalia de Mazoi prepara as súas festas: “Queremos darlle fama ao pobo”
Esforzo, ganas e traballo non lles faltan á comisión da parroquia lucense que afina o programa para as súas patronais, nas que destaca o bo ambiente, a gastronomía e a música da man das orquestras Cinema e Escaparate
Por Lucía Blanco
En Santa Eulalia de Mazoi saben que as patronais mantéñense como unha das citas imprescindibles no noso calendario. Esforzo, ganas e traballo non lles faltan á comisión da parroquia lucense que traballa nun programa para que tanto veciños como asistentes gocen de boa música e ambiente o 31 de maio e o 1 e o 2 de xuño.
“Temos todo máis ou menos organizado. O venres contamos con Cinema e o Dj Adolfo Valiño, o sábado temos a Escaparate e estamos traballando para engadir unha nova actuación e o domingo actúa o dúo Eclipse”, conta Yeray, un dos membros da comisión de festas. Pero a celebración en honor a Santa Eulalia ten a súa historia na parroquia, pois os veciños quedaron sen a cita durante un tempo.
“En tema festas estaba todo algo parado. Despois de 10 anos recupereinas xunto cunha veciña e ao ano seguinte encargáronse outros dous. Despois parouse pola pandemia e no 2023 volvéronse a facer e quedamos todos bastante contentos”. Os cinco membros encargados de organizar a cita son conscientes do tirón que teñen as patronais na cultura popular galega, polo que están enfocados en traballar nun programa para “darlle fama ao pobo”.
O día grande será o venres, xornada na que pretenden “atraer xente, porque despois sábado e domingo xa o tomamos como días para estar xuntos os veciños”. A parroquia inaugura a celebración cunha churrascada popular a partir das 22.00 horas. O programa do sábado comezará ás 13.30 horas con procesión e sesión vermú con Escaparate, que amenizará tamén a festa á noite. Pecharán as patronais con misa, procesión e sesión vermú con Eclipse, o broche de ouro a tres días de xuntanza nos que a música, a gastronomía e as ganas de festa serán os grandes protagonistas.
Tamén na liña de dinamizar a parroquia, estes veciños non descartan formar unha asociación. “Estámolo mirando porque se seguimos coa comisión estamos firmando a todo a nome noso e asumindo esas responsabilidades. Contando coa asociación de veciños xa era un pouco máis fácil e tamén á hora de axudas e ir mirando de facer actividades”.