Santi Samanes incorpórase ao Club Deportivo Lugo para a tempada 2025/26

O Club Deportivo Lugo pechou un acordo con Santi Samanes para incorporar ao extremo esquerdo de cara á tempada 2025/26.
Natural de Pamplona e nado en 1995, Samanes destaca pola súa capacidade para o un contra un e pola súa traxectoria sólida en categorías semiprofesionais, onde acumula máis de 200 encontros oficiais e un rexistro de 31 goles e 4 asistencias.
Ao longo da súa carreira, o xogador defendeu as camisolas de clubs como o CD Tudelano, Real Valladolid B, Coruxo FC, SD Logroñés, Real Balompédica Linense e, nas dúas últimas campañas, a Cultural e Deportiva Leonesa.
Durante a tempada 2024/25, Samanes foi parte fundamental do equipo leonés que conquistou o ascenso a Segunda División tras proclamarse campión do Grupo 1 de Primeira Federación. Na final de campións fronte á AD Ceuta, anotou un gol que pechou a súa notable actuación na campaña.
O futbolista asinou un contrato por unha tempada con opción a renovar por un ano máis en función do cumprimento de obxectivos.