Saqués fai balance sobre a última tempada do Lugo: "Desembarcamos nunha categoría descoñecida para nós"
“É evidente que o balance non pode ser positivo. Un club como o Lugo que, tras unha excelente traxectoria de 11 tempadas no fútbol profesional, sofre un descenso e queda a 14 puntos da promoción de ascenso, demostra que algo fixemos mal”. Así resumía o presidente Tino Saqués a tempada do club. “Como máximo responsable do club, asumo que non fun quen de conseguir os compoñentes ideais para que o conxunto funcionase como un verdadeiro equipo, capaz de chegar ao éxito”.
Así mesmo, trasladaba unha mensaxe cara á afección: “Desde aquí quero mandar unha mensaxe sincera á nosa afección, e non é outro que necesitamos o seu apoio para conseguir o obxectivo de retornar no curto prazo ao fútbol profesional”. O presidente tamén tivo unhas palabras para Willy Ledesma, operado hai unhas semanas: “A operación de Willy saíu ben e vai por bo camiño, empeza agora o proceso de recuperación. Desde aquí querémoslle dar ánimo e forza, xa verá como todo vai saíndo ben”.
En referencia ás noticias positivas da tempada, Tino Saqués destacou o gran nivel dos mozos da casa que participaron durante a tempada. “Castrín, Leandro e Jorge demostraron que a xente da casa está a chamar á porta do primeiro equipo, con confianza e seguridade de que poden axudar e apoiarnos no proxecto. Desde aquí quero trasladarlles o meu parabén”. Tras esta paréntese, volveu incidir no ocorrido na pasada tempada.
“Desembarcamos nunha categoría que era descoñecida para nós. É unha categoría difícil, e a adaptación non foi fácil. Non lemos ben onde aterrabamos e esa suma de erros evidentemente lastrounos. Non queda outra que tomar nota e aprender”. Con respecto á reforma do estadio Anxo Carro, o presidente indicou esperan que “para finais de 2025 teñamos por fin un estadio diferente e que se identifique co club. O proceso está en camiño e xa non hai marcha atrás. O próximo ano teremos un estadio remodelado, acorde co que a cidade e o club merecen”.
Campaña de abonados
Finalmente, Tino Saqués concluíu a súa intervención falando da campaña de abonados para a tempada 2024/25. “Imos facer unha campaña de abonados onde imos bonificar moito ao afeccionado novo, porque sabemos que son é o futuro e os que van estar aí co paso do tempo. Imos facer unha campaña onde os prezos van ser significativamente máis baixos que o ano anterior”
En canto ao cadro de xogadores, asegurpu que “si que hai ofertas por Tabuaço, Castrín e Leandro. Estamos en conversacións con diversos clubs”. Tamén están a destinar esforzos “para reducir a estrutura do club. Temos que optimizar e aproveitar os recursos ao máximo. Na tempada pasada o Club Deportivo Lugo tiña 89 traballadores e para esta teremos un 20 % menos, aproximadamente”.
Deste xeito, va facer “unha campaña de abonados atractiva para sumar un máximo de afeccionados para que podamos conseguir un bo ambiente no estadio que nos axude a competir. Queremos que o xogador realmente entenda e perciba que está na casa”. Sobre a repartición dos grupos de Primeira Federación sostén que é “ideal, equilibrado. A nivel de loxística e de gasto, é un grupo que se adapta ben, con desprazamentos próximos a Zamora, Salamanca, León, Ponferrada e, obviamente, Galicia”