Sarai Teijeira proclamouse subcampioa do mundo sub-17 de baloncesto

A xogadora lucense Sarai Teijeira Rodríguez recibiu o recoñecemento do Concello de Lugo polo seu brillante papel no Campionato do Mundo sub-17 de baloncesto, disputado en Brno (República Checa), onde a selección española conquistou o subcampionato tras caer na final fronte aos Estados Unidos.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia López, acompañada polo concelleiro de Deportes, Infancia e Xuventude, Damián Carballo Méndez, felicitou persoalmente á deportista polo éxito acadado e puxo en valor o esforzo, a dedicación e o talento que a converteron nunha das grandes promesas do baloncesto lucense.
Teijeira, ala-pivote de 17 anos formada nas categorías de base do Ensino e do Estudiantes Lugo e actualmente xogadora do Valencia Basket, participou nos sete encontros do Mundial, asinando unha actuación moi destacada ao longo de toda a competición.
Durante o encontro, Elena Candia salientou a importancia de dar visibilidade aos logros das e dos deportistas lucenses que levan o nome da cidade aos escenarios internacionais e trasladoulle á xogadora o compromiso do Concello de Lugo para prestarlle o apoio que precise no desenvolvemento da súa carreira deportiva.
Este Mundial supuxo, ademais, a primeira experiencia internacional de Sarai Teijeira coa selección española, un paso que confirma a súa progresión e o seu prometedor futuro no baloncesto de máximo nivel.