SATSE reclama un encadramento excepcional da Carreira Profesional para profesionais do Sergas

Delegadas e delegados de SATSE Galicia concentráronse este mércores en hospitais das catro provincias galegas para reclamar unha reforma do actual sistema de Carreira Profesional do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Durante as mobilizacións, o sindicato lembrou que xa reuniu máis de 4.000 sinaturas de profesionais que solicitan un encadramento excepcional que permita recoñecer a súa traxectoria e os méritos acumulados.
As concentracións tiveron lugar no novo edificio de hospitalización do CHUO, en Ourense; no Hospital Lucus Augusti, en Lugo; no Hospital Clínico de Santiago de Compostela e no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
SATSE reclama a modificación do actual sistema, ao considerar que penaliza profesionais cunha longa traxectoria laboral ao non recoñecer determinados períodos de servizos prestados, que nalgúns casos superan os 15 anos. Segundo o sindicato, estas situacións afectan tanto a tempo traballado nas propias institucións sanitarias do Sergas como a servizos prestados noutras comunidades autónomas ou países membros da Unión Europea, así como ao período de vinculación durante a formación sanitaria especializada.
A organización sindical sinala tamén que diversas sentenzas xa recoñeceron este dereito, polo que reclama ao Sergas que habilite un acceso extraordinario para os miles de profesionais que, malia acreditar anos de servizos e méritos, non poden consolidar o grao de Carreira Profesional que lles correspondería.
SATSE lembra que a Carreira Profesional comezou a recoñecerse no Sergas no ano 2006, despois das reivindicacións do sindicato para a súa posta en marcha, pero que quedou paralizada en 2009. A negociación foi retomada en 2014, tamén a instancias de SATSE, e no ano 2018 aprobouse un novo acceso. O sindicato denuncia que entre estes procesos quedaron máis de 12 anos sen posibilidades de progresión.
Segundo explica a organización, esta situación pode provocar que unha profesional con máis de 25 anos traballados só teña recoñecido o grao II da Carreira Profesional cando, polo seu tempo de servizo, xa lle correspondería o grao IV.
SATSE cifra en polo menos 10.000 os profesionais afectados polas condicións actuais do acordo, dos que preto de 6.000 serían enfermeiras e fisioterapeutas, cunha repercusión salarial. O sindicato considera que existe unha diferenza respecto do persoal facultativo, ao que se permite un acceso máis dinámico mediante a redución dos períodos de permanencia necesarios en cada grao para progresar.
A campaña de recollida de sinaturas iniciada por SATSE Galicia continuará nos próximos meses, ao igual que as mobilizacións. O obxectivo, segundo o sindicato, é conseguir a apertura dunha negociación que permita establecer un encadramento excepcional e un recoñecemento dos méritos avaliables acorde coas sentenzas existentes.