Seis concellos mariñaos reciben axudas para mellorar instalacións culturais

TerraChaXa | LugoXa
A Xunta concedeu achegas que suman 68.
Captura de pantalla 2019 10 08 a las 16.24.12
14 Out 2020

A Xunta concedeu achegas que suman 68.200 euros a seis concellos da Mariña para mellorar instalacións e locais destinados á realización de actividades culturais. Os municipios beneficiarios son Trabada, A Pontenova, Alfoz, O Vicedo, O Valadouro e Ourol.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, explicou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a relación de beneficiarios desta convocatoria. Mediante esta liña de achegas, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade colabora cos concellos na dotación de infraestruturas e equipamentos axeitados para desenvolver os seus programas culturais. No conxunto da provincia, as axudas benefician a trece concellos e suman un importe total de 190.000 euros.

Esta orde de subvencións achega financiamento para actuacións relativas ao equipamento e moblaxe de locais; a realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento da programación cultural do local para o que se solicita a axuda, e en concreto: realización de investimentos en equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, equipamento xeral, sistemas de prevención e seguridade, novas tecnoloxías, investimentos destinados á posta en funcionamento de locais para usos culturais, investimentos en bibliotecas ou axencias de lectura pública municipais, investimentos en arquivos municipais, así como accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

A axuda máxima por entidade local beneficiaria é de 30.000 euros -ata un máximo do 90% do orzamento total do proxecto-, ou 35.000 euros cando se trate de solicitudes realizadas por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e entidades resultantes dunha fusión.

0.16357803344727