Seis pezas de docuficción promocionarán o patrimonio dos Ancares

LugoXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar un convenio de colaboración co estudo de produción cultural Fósforo, Arte e Cultura -que integran os artistas galegos Iria Acevedo e José Díaz- para promocionar o patrimonio dos Ancares a través dunha serie de seis viaxes sonoras.
4 Xan 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar un convenio de colaboración co estudo de produción cultural Fósforo, Arte e Cultura -que integran os artistas galegos Iria Acevedo e José Díaz- para promocionar o patrimonio dos Ancares a través dunha serie de seis viaxes sonoras. Baixo o título Os Andares, este proxecto contará con 10.000 euros da institución provincial e consiste en diferentes pezas en formato de docuficción que propoñen un percorrido polos concellos que conforman a comarca.

Tomé Roca enmarcou esta colaboración na aposta da Deputación por “un modelo de turismo de calidade, sostible, non masificado e atractivo durante todo o ano”. E puxo en valor “unha iniciativa interesante e novidosa que é respectuosa co medio e que ofrece unha experiencia diferente no territorio”.

Os diferentes sons desta serie poden escoitarse xa de xeito gratuíto na páxina web osandares.com, que conta con paradas na Pobra de Navia (Navia de Suarna), Penarrubia (Baralla), Torés (As Nogais), Castro de Santa María (Cervantes), Os Grobos (Becerreá) e Lagoa Maior (Pedrafita do Cebreiro). Estas viaxes sonoras son pezas de arte inmersivo ao aire libre e están contadas por actores e actrices que interpretan diferentes personaxes; o seu discurso altérnase con intervencións en primeira persoa dos veciños e veciñas que viven no territorio. “Emoción e divulgación, nunhas pezas que se nutren de contidos do patrimonio cultural, artístico, natural, histórico, sociolóxico, sentimental e cotiá”, valoran os autores.

Son apenas 45 minutos por capítulo para ofrecer anacos de historia e arquitectura das diferentes localizacións, recollendo ademais as lembranzas e emocións das persoas que habitan e habitaron estes concellos e facendo compilación tamén da súa tradición oral, músicas e acervo cultural. Explican os creadores de Os Andares que “non é necesario seguir unha orde concreta para desfrutalos, o realmente importante é fomentar a participación activa das persoas que escoitan, máis aló do paseo, a observación e a escoita”.

Dispoñible en galego, castelán e inglés, cada capítulo servirá para ampliar e completar a oferta turística de cada concello dos Ancares lucenses, aproveitando os propios recursos existentes en cada municipio.

0.18349504470825