Seragro reunirá en novembro máis de 700 profesionais do vacún leiteiro nas XXII Xornadas Técnicas en Lugo

LugoXa
A programación deste ano abordará cuestións de plena actualidade como a recría como base da futura vaca produtora, entre outras
xornadas-tecnicas-Seragro-Lugo
16 Jun 2025

A cooperativa Seragro SCG vén de anunciar a celebración das súas XXII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, que terán lugar os días 13 e 14 de novembro no Auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.

O evento, que cada ano congrega a máis de 700 profesionais diarios, converterá de novo a cidade nun referente da formación e actualización técnica no sector leiteiro galego.

A programación deste ano abordará cuestións de plena actualidade como a recría como base da futura vaca produtora, as novas normativas ambientais —incluíndo a pegada de carbono, as MTDs ou o uso de nitratos— e a aplicación da agricultura de precisión aos cultivos forraxeiros. Ademais, trataranse temas como o coidado podolóxico, o uso da intelixencia artificial na xestión das explotacións, as curvas de lactación, a organización de persoal en granxas de gran tamaño e aspectos fiscais de interese para os produtores.

As sesións desenvolveranse entre as 10:30 e as 18:30 horas, con relatorios a cargo de expertos de ámbito nacional e internacional. O programa incluirá tamén un espazo específico para o encontro gandeiro, pensado como momento de reflexión, diálogo e convivencia entre os participantes.

Con esta nova edición, Seragro reafirma o seu compromiso coa formación continua no sector lácteo e coa mellora constante das prácticas nas explotacións gandeiras de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.16558814048767