Sergio Alba leva a Antas de Ulla un espectáculo de humor cheo de nostalxia

LugoXa
A cita terá lugar o sábado 3 de xaneiro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Antas de Ulla
espectaculo-sergio-alba-antas
27 Dec 2025

O artista ulloán Sergio Alba presentará en Antas de Ulla o seu novo espectáculo de humor titulado Dous rombos… Pasa para a cama, unha proposta escénica na que o pasado recente ocupa un lugar central e se revisita desde unha óptica irónica e divertida. O show, escrito e dirixido polo propio Alba, convida ao público a rir daqueles anos nos que a televisión marcaba límites moi claros e dous rombos na pantalla eran o sinal inequívoco de que chegara a hora de ir durmir.

A través do humor, o espectáculo fai un percorrido por lembranzas compartidas por varias xeracións, apelando á inevitable tendencia a botar a vista atrás e idealizar a infancia e a xuventude. Non obstante, a proposta tamén pon o foco en costumes, actitudes e situacións do pasado que hoxe se observan con distancia crítica e que, lonxe de xerar nostalxia, se prestan perfectamente á retranca e á reflexión desde a comedia.

A cita terá lugar o sábado 3 de xaneiro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Antas de Ulla. As entradas poden adquirirse de maneira anticipada na Ferretería Patao, no Café Bar Torino e no teléfono 619 906 206. O espectáculo está organizado polo Grupo de Teatro Antas de Ulla, coa colaboración do Concello de Antas de Ulla, e preséntase como unha oportunidade para gozar dunha noite de risas e memoria colectiva da man dun creador moi vencellado á comarca.

⚙ Configurar cookies
0.079102039337158