Sergio Alba levará a Palas de Rei o seu espectáculo de humor "Dous rombos... Pasa para a cama"

LugoXa
O show retro-activo repasará con humor os recordos, costumes e vivencias dunha xeración marcada pola chegada da televisión en cor
sergio-alba-dous-rombos
29 Aug 2026

O humorista Sergio Alba presentará en Palas de Rei o seu divertido espectáculo "Dous rombos... Pasa para a cama", unha proposta na que o pasado terá un papel protagonista e que convidará o público a lembrar con humor distintas vivencias das primeiras etapas da vida.

A cita será o luns 14 de setembro, ás 19:30 horas, no Auditorio da Casa da Cultura de Palas de Rei. O espectáculo repasará, entre risas, unha época na que moitos medraron coa televisión como unha das principais formas de entretemento, incluída aquela coñecida advertencia dos dous rombos que significaba que era hora de ir para a cama.

O espectáculo botará a vista atrás para recuperar tanto os bos recordos como aquelas situacións das que quizais non exista tanto orgullo, pero que, vistas desde a distancia, poden converterse nun motivo máis para rir. Será tamén unha viaxe por unha época de cambios, marcada polo paso da televisión en branco e negro á cor e pola chegada de novas formas de entender e vivir a realidade.

"Dous rombos... Pasa para a cama" propón así desconectar durante un tempo da rutina dixital e recuperar o lado máis analóxico da vida a través do humor, os recordos e a nostalxia.

0.14928507804871