Sergio “Maravilla” Martínez dará en Lugo unha charla contra o acoso escolar

LugoXa
Baixo o título “Boxeo e valores para cambiar vidas”, a conferencia chega a Lugo da man do club Team Piña Boxing
boxeador-arxentino-Sergio-Maravilla-Martínez-Lugo
17 Jun 2025

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acollerá o vindeiro 2 de xullo unha charla motivacional a cargo do exboxeador arxentino Sergio “Maravilla” Martínez, nun acto que forma parte da súa iniciativa para combater o acoso escolar e reforzar a autoestima infantil mediante a educación en valores como a disciplina, o esforzo e o respecto.

Baixo o título “Boxeo e valores para cambiar vidas”, a conferencia chega a Lugo da man do club Team Piña Boxing. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse co director do club, Alberto Piñeiro ‘El Piña’ —campión de España de boxeo na categoría de peso medio en 2017—, para ultimar os detalles da colaboración. A charla comezará ás 20.00 horas nas instalacións da Delegación Territorial e a entrada será libre e gratuíta ata completar aforo. Está especialmente dirixida a mozos e mozas, familias, deportistas e educadores, e as inscricións poden realizarse na web metodomaravilla.com.

Con 12 títulos mundiais no seu palmarés, Sergio “Maravilla” Martínez percorre hoxe distintos países como creador do Método Maravilla, ofrecendo masterclasses de boxeo e conferencias motivacionais baseadas na súa experiencia deportiva e persoal. En Lugo compartirá a súa visión do deporte como motor de transformación individual e social, centrando a súa intervención no boxeo como ferramenta eficaz para previr e combater o acoso escolar.

Esta actividade forma parte do lanzamento en Galicia do seu programa de adestramento, que o club Team Piña Boxing incorporará a partir de setembro. O Método Maravilla está pensado para persoas de todas as idades e niveis, cun enfoque específico no reforzo da confianza dos nenos e nenas como chave para o seu desenvolvemento persoal.

⚙ Configurar cookies
0.16128897666931