Sergio Pazos actuará en Burela

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
24 Oct 2019

Na axenda cultural para a vindeira fin de semana en Burela figura a actuación de Sergio Pazos que presentará o seu novo espectáculo Afiando con humor. Será o sábado, 26 de outubro, ás 20.30 horas. O concelleiro de Cultura, José Díaz, lembra o vínculo que o actor ten con Burela desde que fora pregoeiro da Feira do Bonito. O prezo da entrada será de 5 euros. Ademais o domingo ás 20.00 horas o Coro do Hospital de Lugo ofrecerá unha actuación na Casa da Cultura titulada O cantar da nosa lingua, con entrada de balde.

O edil de Cultura, José Díaz, contou que “esta fin de semana temos dous eventos que penso que poden resultar interesantes para a nosa xente, ambos no auditorio. O primeiro deles é a actuación de Sergio Pazos o sábado, día 26, a partir das oito e media. Este novo espectáculo chámase Afiando con humor. Sergio Pazos xa estivera o ano pasado e agora trae esta nova montaxe. As entradas estarán á venda o proio día da función unha hora antes, a partir das sete e media, ao prezo único de 5 euros”.

O concelleiro burelés agarda que “haxa moita xente porque ademais Sergio Pazos ten un vínculo importante con Burela, sobre todo no que se refire á Feira do Bonito, dende que fora pregoeiro no 2017 estivo sempre na feira e axudounos moito a que Fernando Romay fora o pregoeiro no 2018. E finalmente conseguiuse a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional. O papel de Serxio Pazos creo que foi moi importante á hora de promocionarnos a través das súas redes sociais e participando en todos os eventos paralelos á Feira do Bonito como o certame de pintura Amarte e Produart. Agora creo que dalgunha maneira podemos agradecerllo estando no auditorio e asistindo ao seu espectáculo”.

José Díaz engadiu que “o domingo 27 temos un concerto do Coro do Hospital de Lugo que se formou neste centro hai algúns anos. É moi interesante que un hospital tamén teña dentro unha rama cultural que se dedique neste caso á canción coral. Eu escoitei algo deles a través de redes sociais e a verdade é que o fan moi ben e merece a pena asistir o domingo, ás oito da tarde, a este concerto que vai ser gratuíto”.

0.13652801513672