Sesión Sonora con Xurxo Souto este sábado na Casa Museo de Manuel María

LugoXa | TerraChaXa
'A novela do Bravú' protagoniza esta sesión en que non faltará a música do autor
a-novela-ddpo-bravu
26 Feb 2026

A música e a palabra xúntanse este sábado, 28 de febreiro, da man Xurxo Souto que estará, ás 18.30, na Casa-Museo Manuel María. O músico e escritor convida todas as persoas que se acheguen a unha sesión sonora, en que alén de cantar, presentará a súa última obra, A novela do Bravú.

Esta cóntanos a experiencia colectiva dun fato de xente nova que, nos anos noventa, decidiu saír do rego do discurso dominante e -co poder da lingua galega- dialogar con vehemencia coa súa propia realidade. Proclama que transcendeu desde as marxes e deixou pegada en toda a súa xeración.

Xurxo Souto, profesor de Latín e Grego, é coñecido pola súa faceta musical en bandas míticas do panorama galego como Os Diplomáticos de Monte Alto e a Banda Shangai. Dirixiu distintos programas de radio en galego como A tropa da tralla de Radio Coruña ou o programa da Radio Galega Aberto por reformas, onde desenvolveu unha actividade inmensa de difusión e divulgación da música en galego. Xurxo Souto escribiu, entre outros, Tres trebóns (2005), Contos do mar de Irlanda (2014), A gran travesía de Chiruca Macallás (2018), Pangalaica (2020), Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta (2024)...

Será, por tanto, a sesión deste sábado, un inmellorábel momento para coñecer de primeira man o proceso creativo, partillar impresións co autor e descubrir os segredos desta nova entrega. A actividade é de acceso libre até completar o aforo mais cómpre facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou whatsapp 698177621.

0.11630320549011