Simega mantén a folga de médicos para a próxima semana

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Reitera a súa petición de dimisión á ministra de Sanidade por ser a responsable directa deste paro indefinido e cualifica de ‘inconcretas e imprecisas’ as concesións a outras organizacións médicas
folgas-medicos-ourense
11 May 2026

O Sindicato de Médicos de Galicia (Simega) confirma que mantén a convocatoria de folga para a próxima semana, entre o 18 e o 22 de maio, en defensa dun Estatuto Propio para os Médicos e Facultativos fronte ao Ministerio de Sanidade, e coas reivindicacións específicas no ámbito autonómico, ao considerar que seguen sen atenderse as demandas fundamentais do colectivo, tanto no ámbito estatal como autonómico.

A organización sindical entende que a situación actual na Sanidade Pública é consecuencia directa da falta de diálogo, planificación e resposta efectiva por parte do Ministerio de Sanidade, e neste sentido reitera a súa solicitude de dimisión da ministra, Mónica García, primeira e directa responsable de ter conducido ao sistema sanitario a un escenario ‘inevitable’ de conflito e deterioro asistencial.

Así mesmo, Simega reclama á Xunta de Galicia que traslade ao Consello Interterritorial a Proposición Non de Lei (PNL) aprobada a semana pasada polo Parlamento de Galicia, para que o Goberno autonómico inste ao Goberno de España a crear un Estatuto Marco propio para médicos e facultativos.

O Sindicato de Médicos de Galicia tamén mostra a súa preocupación polos compromisos anunciados pola Xunta a outras organizacións médicas, uns acordos que cualifica de ‘inconcretos e imprecisos’, ao non incorporar medidas claras, calendarios definidos nin garantías de cumprimento, ademais de que algunhas medidas xa estaban conseguidas previamente.

Non se entende que o Sergas fale de que o acordo serve para retomar a actividade concertada, popularmente coñecida como peonadas, cando no documento asinado non se recolle esta medida en ningún dos seus puntos, sobre todo cando dita actividade é voluntaria e depende só da liberdade de cada profesional para realizalas.

Por todo iso Simega continúa esixindo ao Sergas fixar unha data concreta para a actualización do acordo de urxencias hospitalarias vixente desde 2007; tamén reclama o desenvolvemento do regulamento que regule os módulos compensatorios de garda, incluíndo a posibilidade de exención para profesionais menores de 55 anos por motivos de saúde; así como unha regulación clara das gardas localizadas, incluíndo os descansos correspondentes, a súa posible conversión en gardas físicas e a aplicación dos acordos de compensación a este tipo de servizo.

Finalmente, insta á Xunta ao desenvolvemento integral do novo modelo de Atención Primaria, respectando os acordos alcanzados o 25 de novembro de 2025, como base para garantir unha atención sanitaria accesible, eficiente e de calidade, xa que a día de hoxe non se están cumprindo os prazos de aplicación acordados.

0.12730503082275