Sindicatos recomendan aos gandeiros que non asinen os novos contratos cunha rebaixa do prezo do leite en orixe

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
As Asociacións de gandeiros e gandeiras OPL e Agromuralla, que reúnen preto de 1000 produtores de leite de vaca en todo o territorio español, veñen denunciar unha situación que deriva da guerra de Irán
vacas-leite
20 Mar 2026

As Asociacións de gandeiros e gandeiras OPL e Agromuralla, que reúnen preto de 1000 produtores de leite de vaca en todo o territorio español, veñen de denunciar a baixada de prezos do leite en orixe que traen as industrias nos contratos que están a sacar estes días para renovar, para a inminente finalización dos contratos vixentes.

Galicia é a Comunidade Autónoma na que se produce ao redor do 40% do volume de leite a nivel nacional e, á súa vez, é a Comunidade Autónoma na que primeiro se renovan os contratos lácteos, "polo cal os prezos que se asinen en Galicia van marcar a tendencia dos prezos que se van a pactar no resto de España nos próximos meses", din.

Certo é que as industrias xa anticiparon unha baixada dos prezos coas ofertas que fixeron hai dous meses, segundo prescrición legal, matizando que a baixada non ía ser tan acusada como se anunciaba nas ofertas. "A sorpresa do sector dáse esta semana, cando Leite Río, Lactalis ou Naturleite deron o paso de concretar prezos cunha baixada de entre 7 e 9 céntimos por litro", din. Baixada que, segundo OPL e Agronuralla non está xustificada "pois, se botamos unha ollada aos prezos que se están pagando fóra de España, tanto por leite líquido como por nata ou manteiga, nos últimos dous meses foron en aumento, o que non se corresponde co que agora están a argumentar as industrias á hora de negociar os contratos".

A preocupación do sector vai en aumento porque a baixada de prezos do leite en orixe coincide con "o aumento estrepitoso" dos prezos do gasóleo, luz, fertilizantes e demais insumos e materias primas que necesitan as granxas, como consecuencia da guerra de Irán.

Desde ambas as organizacións recoméndase aos gandeiros que non asinen os contratos, aínda temos tempo para negociar e é necesario presionar á industria láctea para que non baixe os prezos, pois de chegar a materializarse, estariamos ante unhas perdas de entre 14 e 18 céntimos por litro, se sumamos a baixada do prezo do leite e a subida de custos de produción.

No caso de que as industrias non reconsideren esta postura e as que faltan por entregar os contratos secúndenas, desde o sector levaremos a cabo accións contundentes conducentes ao desabastecemento do mercado.

0.12262201309204