Solaina inaugura a exposición 'Ameigade', cunha reinterpretación contemporánea do folclore galego

O espazo de Solaina, en Lugo, acollerá este sábado, 31 de febreiro, ás 12.00 horas a inauguración da exposición Ameigade, unha mostra que reúne unha serie de obras de gran formato nas que o folclore e as crenzas galegas son revisitadas desde unha linguaxe contemporánea asentada na abstracción xeométrica. A través deste proxecto, o artista propón unha lectura actualizada do imaxinario popular galego, tomando como eixos centrais dúas das súas figuras máis recoñecibles: as meigas e os demos.
Estas entidades, historicamente empregadas para explicar aquilo que escapaba á comprensión colectiva ou para sinalar e castigar o que non se quería entender, afastanse aquí de calquera interpretación literal. En Ameigade, as meigas e os demos transfórmanse en estruturas xeométricas e arquitecturas visuais nas que se condensan conceptos como o medo, a memoria e a identidade, facendo da abstracción unha ferramenta para achegarse ao mito desde unha perspectiva de vangarda.
A exposición establece así un diálogo entre tradición e experimentación formal, no que o simbolismo destas figuras se reformula a través dunha estética contemporánea. A mostra funciona tamén como unha homenaxe a estes personaxes do relato popular, entendidos non só como elementos narrativos, senón como construcións culturais que forman parte dunha maneira propia de interpretar o mundo.
As obras que integran Ameigade convidan o público a reconsiderar o papel das meigas e dos demos desde unha mirada actual, poñendo en valor o seu peso simbólico e a súa capacidade para reinventarse co paso do tempo sen perder a súa conexión coa identidade colectiva galega.