SonDeSeu celebra o seu vixésimo aniversario en Lugo

LugoXa
A orquestra folk SonDeSeu actuará o vindeiro 21 de maio no Auditorio Municipal Gustavo Freire para celebrar o aniversario da orquestra.
SondeSeu
10 Maio 2022

SonDeSeu está de xira de aniversario e Lugo será unha das súas paradas. A orquestra folk actuará o vindeiro 21 de maio no Auditorio Municipal Gustavo Freire. Un dos proxectos musicais máis senlleiros do país chega á capital en formato acústico e sen amplificación. Un concerto que dará comezo ás 20.30 horas.

SonDeSeu comezou a súa andaina hai dúas décadas como unha actividade de conxunto instrumental coa intención de facer e compartir, colectivamente, a música tradicional galega. Co paso dos anos, a entidade medrou a base de ilusión, esforzo e xenerosidade colectiva, tanto por parte do alumnado coma do seu profesorado, creando novas vías para a comprensión da evolución das músicas de raíz desde a óptica do século XXI.

Sobranceiras figuras e mestres como Rodrigo Romaní, Begoña Riobó, Anxo Pintos, Xisco Feijoó, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco e Xosé Liz forman parte deste proxecto educativo e musical, hoxe en día vinculado á ETRAD (Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional), que favoreceu a creación dunha prometedora e efectiva canteira artistas musicais que transmiten a tradición desde a contemporaneidade.

0.11225414276123