Suárez Barcia fai un balance positivo dos traballos realizados nos camiños de seis parroquias

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
12 Dec 2019

O alcalde, Fernando Suárez, fai un balance moi positivo dos traballos de arranxo realizados nos camiños de seis parroquias costeiras no segundo semestre deste ano 2019. Leváronse a cabo actuacións na Devesa, Vilaframil, Rinlo, Piñeira, Vilaselán e Ove. O rexedor subliña que nuns casos os investimentos procederon de fondos propios municipais e noutros fixéronse a través do Plan Único da Deputación. A inversión total ascendeu a máis de 280.000 euros. Fernando Suárez visitou algunhas das zonas acompañado do concelleiro de Medio Rural, Jesús Mundiña. 

O alcalde dixo que “imos vendo estes días o resultado deste magnífico traballo que viñemos desenvolvendo, nesta segunda parte do ano 2019, nas parroquias costeiras do noso concello. Fomos cumprindo a palabra dada de facer estas obras despois das eleccións municipais e fomos traballando a cabalo de dous gobernos municipais, con compañeiros de goberno distintos, primeiro con Vicente Castro do goberno da Corporación anterior, a agora con Suso Mundiña desta Corporación, os dous levando a área de Medio Rural”.

O rexedor contou que “fomos paseniñamente actuando e agora podemos ir dando conta, con toda humildade pero con toda potencia, de ver unha chea de quilómetros arranxados con aglomerado asfáltico, con pintura polas veiras, con nova sinalización e con outras melloras, para ir facendo das nosas estradas municipais un lugar máis seguro para desenvolver o día a día das persoas que viven ou que traballan no rural”.

Suárez Barcia explicou que “na costa fomos actuando na Devesa, en Vilagoíz, en Meirengos, no Zopetal; en Vilaframil, no campo de San Lourenzo; en Rinlo, no campo de María Méndez; en Piñeira, actuamos en Dompiñor, no Barreiro e en Folgosa; en Vilaselán, actuamos no Circo; e en Ove, actuamos en Pastoriza”.

O alcalde de Ribadeo engadiu que “moitas destas obras foron sufragadas con fondos municipais integramente, e outras co Plan Único entre a Deputación e o Concello de Ribadeo, unha verdadeira marabilla da que deberan tomar nota outras administracións moi rácanas moitas veces con Ribadeo. Estas seis parroquias costeiras levaron unha inversión global de máis de 280.000 euros e agora, con todo isto rematado, estamos afanados na outra parte do concello, concretamente nas parroquias do interior, e contamos en breve recibir os traballos que aínda a día de hoxe están en execución”. 

0.11925792694092