Supervisan as obras de mellora do campo de rugby das Pedreiras

LugoXa
A mellora do campo de rugby das Pedreiras polo Concello convérteo nun dos mellores de Galicia para a práctica deste deporte.
mellora campo de rugby pedreiras
25 Abr 2021

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo un encontro con adestradores e usuarios de todas as idades do campo de rugby das Pedreiras, recentemente acondicionado pola área municipal de Deportes, que lle trasladaron que as melloras realizadas o converten nun dos mellores de Galicia para a práctica deste deporte.

Acompañada do concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto, e do edil portavoz, Miguel Fernández, a rexedora quixo coñecer de primeira man as opinións dos afeccionados, aos que lles trasladou o esforzo que está a realizar a administración local tanto para mellorar as infraestruturas deportivas como para a creación de novas, “moi necesarias porque durante a pandemia tamén aumentou a necesidade de contar con maiores e máis amplos espazos deportivos”.

O Concello investiu 39.000 euros nas obras executadas nas Pedreiras, moi demandadas polos deportistas e seareiros. As melloras consistiron na retirada da cuberta vexetal, moi deteriorada, e na descompactación do terreo para proceder ao sementado de céspede – cunha mestura de diferentes variedades de gramíneas – apto para a pisadura, así como a súa posterior fertilización, ademáis da remodelación completa do campo de xogo. Tamén procedeuse ao repintado das liñas da cancha así como a revisión e posta a punto do sistema de rego por aspersión.

Coa instalación das Pedreiras son tres as dotacións públicas ao servizo das e dos afeccionados lucenses ao rugby, xunto á ubicada ao carón dos Xulgados – conveniada con Educación – e ao campo de fútbol de Nadela.

0.20080304145813