Suspenden as actividades do San Froilán pola alerta amarela de vento

LugoXa
Os restos do furacán Kirk poderían deixar refachos de ata 100 km por hora e afectarán a toda Galicia, polo que tamén pechan os parques e as instalacións deportivas descubertas da cidade
San Froilan recinto
8 Out 2024

A partir deste martes ás 17.00 horas e ata o mércores ás 18.00 horas a Área de Transición Ecolóxica, que dirixe Miguel Fernández, procederá ao peche dos parques da cidade ante a chegada dos restos do furacán Kirk que podería deixar refachos de ata 100 km por hora e que afectarán a toda Galicia. Así mesmo, as instalacións deportivas descubertas pecharán desde hoxe ás 16 horas ata mañá ás 18 horas.

O Concello toma estas medidas para garantir a seguridade da cidadanía ante este fenómeno meteorolóxico adverso que será de nivel amarelo dende as 18:00 horas do mércores ata as 08:00 horas do xoves, e que podería extenderse con nivel laranxa ata as 17:00 horas deste mesmo día. Dende Transición Ecolóxica explícase que operarios dos servizos municipais precintarán, por tanto, os parques de Rosalía de Castro, Frigsa, Paxariños, Marcos Cela, quedando prohibida a entrada aos mesmos dende ese momento. Ademais, faise un chamamento á cidadanía para pedirlle que respecten estas limitacións, evitando correr riscos innecesarios para non poñer en perigo a súa seguridade.

Ademais, dende a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e en previsión tamén da alerta meteorolóxica, comunican que se supenden as actividades ao aire libre previstas no programa de festas de San Froilán 2024 entre este martes 08 ás 18.00 e o mércores 09 ás 18.00. A área de Cultura comunicará calquera cambio que se teña que producir no programa de Festas segundo avance a previsión meteorolóxica.

0.20426511764526