Suspendidas as IV Xornadas Desconfinando a Terra de Miranda da Pontenova
O Concello da Pontenova comunicou que se suspenderon as IV Xornadas Desconfinando a Terra de Miranda, que ían ser o 30 e 31 de outubro na casa da cultura, por mor da crise sanitaria e do estado de alarma.
A convocatoria dos encontros por cuarto ano consecutivo constituía, globalmente, unha proposta para a análise da situación do medio rural galego na actualidade. Esta análise faríase, por unha parte, desde a óptica especialmente educativa, pero tendo en conta que o que sucede no ámbito da educación non é nada máis que o reflexo dunha realidade global moito máis complexa.
Esta actividade tiña como obxetivo analizar e explicar, situándoa no seu contexto, a realidade educativa no medio rural galego, en xeral, e na Terra de Miranda en particular. Tamén identificar, a carón desa realidade educativa analizada, as características naturais, económicas, sociais, asociativas... que determinan o estado actual da comarca. Por outra banda, situar estes elementos analizados e identificados, no contexto de Galicia e na procura da concepción dunha estratexia global de desenvolvemento do medio rural. E por último, poñer en común experiencias educativas que contribúan á planificación dunha estratexia educativa galega concibida desde e para o medio rural.