Suspendidas temporalmente as escolas deportivas de Burela

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Concellería de Deportes de Burela anuncia que quedan suspendidas, ata novo aviso, as escolas deportivas municipais debido ás restricións establecidas pola Xunta desde a pasada media noite.
23 Oct 2020

A Concellería de Deportes de Burela anuncia que quedan suspendidas, ata novo aviso, as escolas deportivas municipais debido ás restricións establecidas pola Xunta desde a pasada media noite. O concelleiro Ramiro Fernández Rey asegura que están a barallar varias opcións como a devolución dos cartos do período no que non se impartan as escolas, a ampliación das devanditas escolas durante unhas semanas máis ou mesmo organizar algunha actividade a maiores.

O edil de Deportes dixo que “desde a Delegación de Deportes do Concello de Burela queremos anunciar que, debido ás restricións que nos están impoñendo agora mesmo desde a Xunta de Galicia, nos vemos na obriga de suspender temporalmente as escolas deportivas municipais. Coas restricións que nos teñen imposto non podemos cumprir os parámetros que nos marcan, polo que cremos que o máis prudente, e obrigatorio ademais, é suspender as escolas, en principio mentres duren estas restricións, no momento que se levanten avisaremos para reanudalas. Dicirlles aos pais que estean tranquilos con respecto ao pago que fixeron por estas escolas porque miraremos ou ben de devolver os cartos, intentar ampliar o prazo das escolas deportivas ou incluso buscar unha actividade alternativa que poida compensar esta parada obrigada polo coronavirus”.

Ramiro Fernández Rey lembrou que “cando se iniciaron as escolas xa contemplábamos esta posibilidade, xa os pais estaban informados de que podía pasar e efectivamente está pasando, pero que teñan a tranquilidade de que non van ter ningún tipo de perda en ningún aspecto, e que en canto poidamos reanudalas o faremos”. 

E engadiu que “o deporte federado, en principio, se sigue permitindo con todas as medidas e os protocolos de seguridade que cada federación impón aos clubs. Estou realmente satisfeito da maneira que están cumprindo eses protocolos os clubs de Burela, tanto fútbol sala, como fútbol e especialmente baloncesto, que están facendo un gran traballo nese aspecto. Están cumprindo os protocolos á perfección e que, en principio no deporte federado, se eses protocolos se cumpren, non van ter ningún tipo de problema para poder facer os adestramentos e xogar as competicións que teñan asignadas”.

O concelleiro burelés subliñou que “o Concello de Burela está poñendo todos os medios ao seu alcance para que non haxa ningún tipo de problema de contaxio. Os clubs penso que están facendo un bo traballo tamén para evitar os contaxios, isto non quere dicir que non se poidan producir porque en calquera momento se poden producir incluso tomando todas as medidas sanitarias que aconsellan. Eu quero animar aos papás que teñen nenos adestrando nos clubs que o poden facer con total tranquilidade, porque xa digo que están facendo un gran traballo, e con respecto ás escolas deportivas municipais, ao non ser deporte federado obrígannos a pechalas momentaneamente, aínda que estábamos tamén levando un protocolo de seguridade estrito. En canto poidamos volveremos restablecelas”.

0.16350984573364