Taboi celebra desde hoxe as súas festas na honra a San Pedro

LugoXa | TerraChaXa
A programación arranca cunha churrascada popular gratuíta, prevista para as 22.00 horas
festas-de-taboi
26 Jun 2026

A parroquia de Taboi, no concello de Outeiro de Rei, dá comezo hoxe, venres 26 de xuño, ás súas tradicionais festas na honra a San Pedro, unha celebración que se prolongará durante toda a fin de semana cun amplo programa de actividades relixiosas, musicais e gastronómicas para veciñanza e visitantes.

A programación arranca esta noite cunha churrascada popular gratuíta, prevista para as 22.00 horas e servida polo Bar O Trasno. A continuación, a festa continuará coa actuación en directo do solista e DJ Juancar, encargado de poñer a música á primeira gran verbena das festas. Ademais, durante a noite realizarase o sorteo de diversos agasallos entre as persoas asistentes, incluído un camión de leña picada.

As celebracións continuarán mañá, sábado 27 de xuño, cunha misa solemne ás 13.00 horas seguida da tradicional procesión. A sesión vermú estará amenizada polo grupo Punto Clave, que tamén será protagonista da verbena nocturna. A xornada contará ademais coa actuación estelar do coñecido artista Antonio Barros, un dos pratos fortes do programa festivo deste ano.

O domingo 28 de xuño poñerase o broche final ás festas cunha nova misa ás 13.00 horas e procesión acompañada por Gaitas Galegas. A continuación celebrarase unha sesión vermú prolongada coa actuación do Dúo Venus. A directiva da asociación ofrecerá ademais un picoteo gratuíto para todas as persoas asistentes.

A comisión organizadora quixo agradecer a colaboración da veciñanza, das casas colaboradoras e das empresas patrocinadoras que fan posible a celebración dunhas festas que cada ano reúnen a numerosas persoas da parroquia e da contorna nun ambiente de convivencia e tradición.

0.14521598815918