Tempus Trío actuará este sábado no Círculo das Artes

LugoXa
Tempus Trío actuará este sábado 5 de novembro no Circulo das Artes de Lugo ás 20.00 nun concerto organizado pola Sociedad Filarmónica
Concerto Filarmónica portda
3 Nov 2022

A Sociedade Filarmónica de Lugo organiza un concerto de Tempus Trío este sábado 5 de novembro no Círculo das Artes. O concerto dará comezo ás 20.00 e interpretaranse as pezas  Beethoven: Trío con piano Op. 1 nº 1 e F. Schubert: Trío con piano nº 2, Op. 100.

Fundado en 2018 pola violinista Maria Tió, o violonchelista Ferrán Bardolet e o pianista Ricard Rovirosa, o Tempus Trío, a pesar da súa breve traxectoria, foi xa recoñecido por crítica e público como un dos máis prometedores da súa xeración, colleitando importantes éxitos en diferentes concursos e certames internacionais, entre os que destacan o Primeiro Premio do Concurso Internacional de Música Grand Prize Virtuoso 2019 en Bruxelas, a Medalla de Platino (Primeiro Premio) da WPTA Singapore International Music Competition 2019 e a Medalla de Prata do 2nd Vienna International Competition 2020, na especialidade de música de cámara.

Esta tempada foi seleccionado para ser grupo residente da Asociación de Intérpretes de España (AIE). O trío fará unha xira de concertos por todo o estado español co programa Clásicos en Ruta. Na actualidade, o Tempus Trío cursa un Máster en Música de Cámara na prestixiosa Universidade Mozarteum de Salzburgo co Profesor Cibrán Sierra Vázquez, violinista do Cuarteto Quiroga.

María, Ferrán e Ricard son tres músicos que, individualmente, se formaron nas mellores institucións musicais con grandes profesores como Joan Havill (Guildhall School of Music and Drama), Albert Atenelle (Trío Barcelona), Vera Martínez Mehner (Cuarteto Casals) e Natalia Shakhovskaya (Escola Superior de Música Raíña Sofía). A súa traxectoria individual foi igualmente recoñecida con múltiples premios en concursos nacionais e internacionais e acumulan xa unha dilatada experiencia concertística, actuando en importantes salas de concertos de Europa, Asia e América, en xiras que recibiron o aplauso de público e crítica e a atención de grandes medios de comunicación audiovisuais.

Concerto Filarmónica
0.16842293739319