Timparrantela actuará hoxe no Patio do Vello Cárcere
Lugo contará no patio do Vello Cárcere dun concerto da banda ourensá Timparrantela e a representación de “Tabú” de Tarabela Creativa, propostas culturais que teñen detrás creadoras comprometidas co feminismo.
Esta actividade enmárcase na programación que a Deputación Provincial preparou polo 25N xa que a produción cultural con perspectiva de xénero xoga un papel moi importante na sensibilización en relación cos mecanismos estruturais que están detrás da violencia machista e polo tanto na súa prevención.
Concerto de Timparrantela
Este xoves, 25 de novembro, ás 19.00 horas, o Patio do Vello Cárcere acollerá o concerto da formación ourensá Timparrantela. Con composicións de Olga Brañas, letras de diferentes poetas galegas e galegos e arranxos musicais de Pedro e Pablo Pascual (Marful), a súa banda está formada por: Lorena Sotelo (voz), María Blanco (violino), Olalla Rodríguez López (clarinete), Olalla López Rodríguez (saxofón), Olga Brañas (piano e pandeireta), Raquel Huete (tuba e baixo eléctrico) e Marta Figueiredo (percusión).
O seu ámbito estilístico conecta tanto coas músicas do mundo como coa tradición da verbena, reinventándoa e conferíndolle elegancia. Na primavera de 2020 Timparrantela presenta o seu primeiro traballo discográfico, “Se te quixen foi polos grelos”, con letras cheas de retranca e de apoderamento.
Representación da obra “Tabú” de Tarabela Creativa
O luns 29, tamén no Vello Cárcere, Tarabela Creativa representa “Tabú”, un espectáculo de Carmen Conde, que nace froito das conversar recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, O Courel, A Mariña, a Costa da Morte e o Coutro Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude. O espectáculo, con narración oral e música en directo, busca trasmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade das mulleres, que explican o que somos agora: fillas do Tabú. Ligazón ao dossier do espectáculo: https://tabu.gal/o-espectaculo