Tino Saqués, expresidente do Club Deportivo Lugo: "Marcho satisfeito do traballo feito"

GaliciaXa | LugoXa
Ronald Baroni comprometeuse a traballar para profesionalizar o club e devolvelo canto antes ao fútbol profesional: “Esperamos que sexa o máis breve posible e poder darlle alegrías á nosa xente”
Ronald-Baroni-e-Tino-Saqués-Club-Deportivo-Lugo
17 Jun 2025

Tino Saqués puxo fin á súa etapa como presidente do Club Deportivo Lugo despois de dez anos ao fronte da entidade. Nunha despedida marcada pola emoción e a gratitude, recoñeceu que a súa saída chega nun momento no que o desgaste era evidente e que buscaba a persoa axeitada para recoller o relevo: “Despois de dez anos estou feliz. O desgaste era notable e buscaba a alguén que se identificase con Lugo, coa xente de aquí, e que atopase arraigamento”.

Segundo Saqués, ese perfil atopouno en Ronald Baroni, a quen ve totalmente comprometido co futuro do club: “Durante un ano vivimos diferentes situacións, pero o que me demostrou Ronald é que non vén de paso. Quere que a súa residencia sexa en Lugo, quere vivir en Lugo, vivir esta cidade e este club, coñecer á xente e traballar nun proxecto común para devolvelo á categoría da que nunca debería baixar”.

Saqués subliñou que a permanencia na categoría, malia non ser o obxectivo inicial da tempada, foi un logro importante que lle permite despedirse con certa satisfacción: “Ao final conseguiuse manter a categoría grazas a un vestiario impecable e ao traballo do corpo técnico, especialmente de Álex Ortiz, e dos xogadores, que o deron todo. Agora tócalle sumar e seguir para arriba”.

Pola súa parte, o novo presidente, Ronald Baroni, afirmou sentirse “moi contento” por chegar a este momento despois dun proceso de transición que levou con responsabilidade e afecto. “É o final dun proceso que levamos con moita responsabilidade e agarimo. Estou feliz de ser parte de Lugo e desta institución. Quero agradecer a Tino e á directiva polo sacrificio e o esforzo destes anos polo benestar do Lugo”, sinalou Baroni, quen deixou claro que “é un cambio de persoas pero non de obxectivos”. Ademais, destacou: "Tino non vai seguir, pero esta é a súa casa".

Baroni comprometeuse a traballar para profesionalizar o club e devolvelo canto antes ao fútbol profesional: “Esperamos que sexa o máis breve posible e poder darlle alegrías á nosa xente”. Tamén avanzou plans de futuro para o crecemento do club, como a remodelación do estadio, a creación da cidade deportiva e a mellora das infraestruturas: “Está todo encamiñado, agora queda comezar unha nova etapa no deportivo e no económico, buscar estabilidade e sacar o equipo adiante”.

OS PROXECTOS MÁIS URXENTES

O novo presidente do CD Lugo, Ronald Baroni, detallou os principais proxectos que marcarán o futuro inmediato da entidade, cun enfoque estratéxico e integrador. “Imos gañar o respecto e o cariño pola xestión que fagamos. Vimos con gañas e desexos de potenciar este club e cremos que o imos conseguir”, afirmou, engadindo que xa teñen deseñado un plan estratéxico a tres anos que abrangue o eido deportivo, social e económico. “Queremos estabilizar economicamente o club, porque esta categoría ten esixencias profesionais pero economicamente é complicada, e é importante saír canto antes dela”.

Baroni fixo fincapé en que os obxectivos van máis alá do curto prazo: “Temos metas a curto e longo prazo, co fin de desenvolver tanto o ámbito deportivo como o social. Apostamos polo fútbol base, por xerar talento e fortalecer os valores dos nosos mozos con honestidade, lealdade… cos compañeiros e os rivais. Non queremos só deportistas de éxito, senón tamén persoas comprometidas socialmente”.

Un dos piares do proxecto será a construción da cidade deportiva, que considera prioritaria: “Canto antes. Non podo falar de prazos, pero é o noso desexo, para concentrar o fútbol base no mesmo lugar. Xa comezamos a planificación e imos presentala, pero hai moito traballo por diante. É un bo legado e creo que entre todos sacaremos isto adiante: coa cidade, os empresarios, os políticos… todos van ter acceso para conversar connosco. Queremos facer un club aberto e será positivo para o crecemento da institución e para desenvolver o potencial que ten este club”.

Baroni tamén quixo destacar o papel clave da afección, agradecendo o seu apoio constante: “A afección ten que ter claro que sentimos moito respecto por eles e foron fundamentais nesta última etapa, a pesar de que os resultados non acompañaban. Isto impúlsanos a traballar con responsabilidade. Cremos que nos van apoiar e imos conseguir unha comuñón entre o equipo e a cidade”.

NOVO DIRECTOR DEPORTIVO

Ronald Baroni anunciou que Javier Recio será o novo director deportivo do Club Deportivo Lugo. Baroni confía na dilatada experiencia de Recio en captación, estrutura deportiva e na súa traxectoria tanto en España como no estranxeiro para reforzar o proxecto vermello e acelerar o regreso ao fútbol profesional.

Javier Recio Delgado (Madrid, 19 de novembro de 1972) é un excentrocampista formado nas categorías inferiores do Real Madrid. Ao longo da súa carreira como xogador pasou por equipos como o Real Madrid B, Leganés, Celta B, Penafiel (Portugal), St. Johnstone (Escocia), Algeciras, Lorca, Terrassa, Badalona e rematou a súa etapa no Sant Andreu, onde se retirou en 2008. Tras colgar as botas, Recio comezou a traballar na captación de talento no Sant Andreu e máis tarde no Real Madrid, onde chegou a dirixir as zonas de Baleares, Cataluña e Levante. En 2016 asumiu a dirección deportiva do RCD Mallorca, cargo que exerceu ata 2020, logrando un dobre ascenso ata Primeira División. Posteriormente foi director deportivo do Club Bolívar (2020–2021) e do Real Murcia (2023–xuño de 2024).

⚙ Configurar cookies
0.17378711700439