Tito Suárez critica a falta de interese do goberno local polo mantemento do campo de fútbol de Ribadeo
O coordinador de deportes do PP de Ribadeo, Tito Suárez, critica a falta de interese do goberno local do BNG polo mantemento do campo de fútbol municipal Pepe Barrera trala súa recente mellora con investimentos por parte das distintas administracións.
Como veciño de Ribadeo, o popular amosa a súa sorpresa ao comprobar o estado de deixadez no que se atopa o campo de fútbol no que a herba está a secar. “Trátase dun exemplo máis da pouca responsabilidade coa que o goberno municipal xestiona a conservación das instalacións deportivas en Ribadeo”.
O Grupo Municipal Popular defende que “o deporte é un piar importante na nosa vila e para que se poida practicar en óptimas condicións é necesario que as instalacións deportivas estean en perfecto estado”.
Os populares xa denunciaban fai algúns días o estado de abandono das instalacións deportivas de Rinlo onde Tito Suárez lamentaba “a malísima política de conservación de recursos do Concello” ante o mal estado da pista polideportiva sucia e esvaradía e da área recreativa inutilizable en pleno mes de agosto”.