Trasladan 136 mexillóns no Miño para instalar unha rampla e facilitar o baño
O Goberno local de Lugo concluíu o traslado de 136 exemplares de mexillóns no río Miño, un paso fundamental para avanzar coas obras da instalación da rampla de acceso ao río. A alcaldesa, Paula Alvarellos, e o concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, supervisaron a traslocación dos moluscos, que foi realizada pola consultora medioambiental contratada polo Concello.
Durante o proceso, trasladáronse 124 exemplares da especie Potomida littoralis e 12 da especie Unio delphinus a unha nova localización situada uns 30 metros augas arriba, nunha zona cun alto potencial de acollida. O traslado foi supervisado por un axente medioambiental da Xunta, que autorizou e delimitou a nova área para garantir a protección e supervivencia dos moluscos.
Un equipo de buzos levará a cabo unha nova prospección para comprobar que non quedan máis mexillóns na zona afectada pola futura rampla, cumprindo así cos requisitos establecidos pola Xunta de Galicia. Tras esta revisión, o Concello espera iniciar de inmediato as obras da pasarela de acceso ao río.
O Goberno local tamén acordou co axente medioambiental a delimitación de áreas sensibles no río para evitar que os bañistas accedan a zonas de alta densidade de exemplares protexidos, protexendo tanto os moluscos como aos propios usuarios. Estas medidas de sinalización e balizamento implementaranse tras a inspección final. Esta iniciativa forma parte do compromiso do Concello de Lugo coa preservación do ecosistema do río Miño, asegurando que as obras se realicen con respecto ao medio ambiente e á biodiversidade local.