Trece persoas participarán no ciclo de residencias artísticas 'Atopémonos Bailando' de Lugo

LugoXa
As 8 residencias que terán lugar en Lugo realizaranse entre os meses de abril e novembro de 2025
convocatoria-residencias-artísticas-e-de-investigación-Lugo-2025
14 May 2025

Veñen de ser seleccionados os 13 proxectos que desfrutarán dunha estadía en Lugo para realizar unha investigación arredor das artes do movemento dentro do ciclo de residencias artísticas Atopémonos Bailando, organizadas polo Colectivo Glovo en colaboración coa área de Cultura do Concello de Lugo.

As 8 residencias que terán lugar en Lugo realizaranse entre os meses de abril e novembro de 2025. Cada unha delas terá unha duración de entre 5 e 10 días, e rematará cunha mostra aberta á veciñanza, onde se amosará o traballo realizado.

Os 13 artistas seleccionados son Ana Caetano (Portugal), María de Vicente (Galicia), La Basal (Madrid), Ana Lola Cosín e Lucas García (Asturias),  Xián Martínez (Galicia), Natalia Navarro (Madrid), Fran Sieira (Galicia), Tania González (Asturias), María Ganzaráin e Terea Magallón (Aragón), Jesús Benzal (Madrid), Jessica Castellón e Boris Orihuela (Cádiz).

Os obxectivos deste ciclo de residencias son o impulso e apoio á creación e investigación en danza e artes do movemento de compañías de ámbito galego, estatal e internacional, creando un espazo para a realización de residencias de creación e investigación, con especial atención ás creadoras galegas.

Así, tamén son difundir e achegar os procesos de creación en danza contemporánea á veciñanza a través dunha programación de calidade, diversa, innovadora, internacional, gratuita e a través de programas de apertura de procesos de creación, crear un espazo de formación e práctica en danza contemporánea mediante a realización de obradoiros especializados para públicos xerais ou públicos profesionais e xerar colaboración e traballo en rede de axentes profesionais nacionais e internacionais mediante o intercambio de artistas e información de compañías.

⚙ Configurar cookies
0.170814037323