Trécola leva Monstrólogo este sábado á casa museo de Manuel María

TerraChaXa | LugoXa
A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, ás 17 horas, a estrea da nova peza de teatro para monicreques de Trécola Producións.
23 Mar 2023

A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, día 25 de marzo, ás 17 horas, a estrea da nova peza de teatro para monicreques de Trécola Producións. O título do novo proxecto da compañía de Pol é Monstrólogo, unha obra dirixida para nenas e nenos, a partir de tres anos en diante, e as súas familias.

A peza ten a seguinte sipnose: un experto e grande xenio vén dar unha charla á Casa-Museo Manuel María sobre especies e tipoloxías de monstros e as súas curiosidades. Mais non vén só. Acompáñano unha serie de terroríficos e divertidos personaxes que virán demostrar que lonxe de pretender dar medo, os monstros están para axudar a superar diversos retos ás persoas.

As persoas interesadas en asistiren ao espectáculo poden facer a súa reserva (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Trécola Producións é unha compañía residente no concello de Pol, que dinamizan Ero Vázquez Cabrera e Isabel García Coldeiro, cunha proposta estética baseada nunha continua labor de creación, experimentación e de produción de obradoiro como o demostran as súas pezas máis recentes como A saga de Flin Havardr, Tolitates, Gaela quere ser druída… Alén disto, nos dous últimos anos levaron por toda Galiza Kinetiko, unha iniciativa do xogueteiro Manu Taboada xunto con Ero Vázquez e que consiste nun conxunto de autómatas que coa axuda dos seus mecanismos e do movemento que xeran, demostran que calquera persoa pode desfrutar dos brinquedos e dos monicreques.

0.12712597846985