Tres artistas inauguran as primeiras residencias do Coliving Artístico Municipal do Carme de Lugo

Os artistas multidisciplinares Álvaro Corral Cid, de Ourense; María Susinos Sancho, de Cantabria; e Marta Cuba García, da Coruña, coñeceron esta semana as instalacións do Coliving Artístico Municipal do Carme logo de que o xurado designado seleccionase os seus proxectos para converterse nos primeiros en desenvolverse neste viveiro artístico municipal, dentro das denominadas residencias artísticas. Durante a visita aos dous edificios do CAM estiveron acompañados polo concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, quen subliñou que Lugo está a piques de iniciar “un proxecto artístico moi ambicioso, iniciado hai anos, co que se vai poñer en valor a arte, a contorna natural, o patrimonio rural e o Camiño Primitivo, a través do primeiro coliving artístico municipal, chamado a ser epicentro do talento e da creación cultural vinculada ao emprendemento artístico”.
As tres propostas foron escollidas entre un total de 27 proxectos procedentes de toda España e abranguen a creación dunha cancela artística baseada na artesanía téxtil tradicional galega, unha gran intervención pictórica sobre teas de liño e unha instalación que combina danza e bordado. Os propios artistas destacaron de maneira moi positiva a duración da residencia, de tres meses, que lles permite desenvolver os proxectos con tempo suficiente, así como a bolsa económica que facilita a posta en marcha das propostas e a convivencia con outros creadores, un aspecto que consideran clave para xerar sinerxías e enriquecer o proceso artístico e cultural.
Mauricio Repetto explicou que o CAM “non é só unha residencia artística, senón un laboratorio de innovación social no que a cultura se concibe como motor de desenvolvemento económico sostible”. Durante o percorrido pola recuperada casa do pintor Gómez Pacios, os artistas coñeceron o edificio acristalado destinado a traballo limpo, a casa principal como espazo exclusivo de vivenda e a zona específica de creación artística. Ademais, os tres becados contarán con titorías persoais quincenais centradas no desenvolvemento profesional e na viabilidade dos seus proxectos, e, ao tratarse da primeira promoción, xestionarán tamén un suplemento de 500 euros para equipar o coliving municipal co enxoval necesario.
O Coliving do Carme púxose en marcha grazas a un proxecto financiado con fondos europeos, xestionados pola Concellería de Dinamización Económica, co obxectivo de fomentar sinerxías artísticas, culturais e profesionais entre persoas de distintas disciplinas, ao tempo que se dinamiza o tecido artístico, social e empresarial e se impulsa a profesionalización dos axentes culturais. En canto ao retorno social destas residencias, Repetto sinalou que cada un dos artistas realizará un mínimo de tres visitas a centros educativos ou asociacións, ademais dunha actividade aberta ao público, para compartir o seu proceso creativo coa cidadanía.
Estas propostas e intercambios artísticos comezarán a desenvolverse a partir do 4 de febreiro, data na que está prevista a recepción oficial e pública dos tres primeiros residentes do Coliving Artístico Municipal do Carme, co obxectivo de dar visibilidade aos creadores e integralos no tecido cultural, artístico e veciñal da cidade. Segundo indicou o edil, as intervencións suporán un valor engadido non só para o propio coliving, senón tamén para o Camiño Primitivo, o patrimonio rural e artesanal e a cultura galega en xeral, ao tempo que se apoian novos proxectos de emprendemento cultural coa colaboración do CEI Nodus no labor de titorización.
Desde Ourense, Álvaro Corral Cid desenvolverá o proxecto téxtil Cancela Fermosista 01, unha investigación arredor do bordado e da artesanía tradicional galega que se materializará nunha intervención in situ no CAM, elaborada con bordado de fío metálico e abelorio, coa intención de xerar un diálogo entre arte contemporánea e tradición. A artista cántabra María Susinos Sancho presenta Lluvia templada, un proxecto pictórico e literario que explora espazos de ensoño a través dunha pintura pluvial sobre liño, complementada con papeis xaponeses e láminas de aluminio gravadas, nun proceso intuitivo e ligado á contorna galega. Pola súa banda, a coruñesa Marta Cuba García chega con Venera, unha instalación que combina 12 teas bordadas a man cunha peza de danza-performance, concibida como un tránsito entre distintas dimensións do xardín e cunha forte conexión co medio rural e coa interacción comunitaria.