Tres corais lucenses lembran a estrea do Himno Galego cun concerto conxunto no Mercado

As corais Solo Voces, Cántigas e Frores e Lucus Terra protagonizarán o mércores, 17 de decembro, unha actuación conxunta no Mercado Quiroga Ballesteros de Lugo para lembrar a primeira interpretación oficial do Himno Galego, que tivo lugar o 20 de decembro de 1907 no Gran Teatro da Habana. O concerto comezará ás 19:30 horas e servirá como acto central dunha nova edición desta conmemoración impulsada pola Vicepresidencia da Deputación.
A efeméride celebra un dos fitos simbólicos máis relevantes da historia cultural de Galicia a través da interpretación da versión orixinal do himno. No concerto participarán as corais Solo Voces e Cántigas e Frores xunto coa formación Lucus Terra, integrada por alumnado do IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela.
A iniciativa conta coa colaboración de Vía Galega e ten como obxectivo difundir e popularizar o texto orixinal do Himno Galego, escrito por Eduardo Pondal, así como corrixir as alteracións e erros textuais cos que foi incorporado á Lei de Símbolos de Galicia, poñendo o acento na fidelidade histórica e cultural da composición.