Tres festivais lugueses defenden a marca FEST Galicia

RibeiraSacraXa | LugoXa | AMariñaXa
A Xunta promove Galicia como destino musical seguro a través dos 13 festivais da marca FEST Galicia, tres deles na provincia de Lugo.
verbena festa orquesta concerto
20 Xul 2021

Tres festivais musicais que se celebran na provincia de Lugo entran dentro da marca FEST Galicia, que foi presentada onte como patrocinador de 13 citas culturais similares baixo o lema Un destino musical seguro, no marco da celebración do Xacobeo 21-22.

Esta medida dá continuidade a iniciativa posta en marcha hai catro anos para promover unha serie de eventos caracterizados pola calidade das súas propostas e a profesionalidade na súa organización, ademais de por achegar valores engadidos á experiencia musical relacionados co turismo, o medio ambiente, a cultura, o patrimonio e a concienciación social.

Os eventos da provincia adheridos a esta iniciativa, a partir da convocatoria publicada o pasado mes de xuño, son Caudal Fest en Lugo, Resurrection Fest en Viveiro e 7º Ribeira Sacra Festival en Chantada, Monforte de Lemos e Sober. 

O resto de festivais galegos adscritos son: Atlantic Fest en Vilagarcía de Arousa, Festival de la Luz en Boimorto, Maré Compostela, PortAmérica en Caldas de Reis, Revenidas en Vilagarcía, 1 Sinsal Son Estrella Galicia na illa de San Simón (Redondela), SonRías Baixas en Bueu, Underfest en Vigo, Vive Nigrán e WOS Festival x Son Estrella Galicia en Santiago de Compostela.

Aumento do 25% respecto a 2020

Ademais, FEST Galicia refórzase este ano cun aumento da súa dotación económica nun 25% respecto a 2020 co obxectivo de contribuír á recuperación dun sector moi afectado pola crise sanitaria no marco do Plan de reactivación para o sector cultural. Neste mesmo sentido, a Xunta retomou este ano a convocatoria específica de subvencións a festivais de música, suspendida en 2020 ante a imposibilidade de levar a cabo os eventos nos seus formatos habituais. Esta liña de axudas, actualmente en proceso de tramitación cara á súa próxima adxudicación, distribuirá outros 340.000 euros entre os encontros beneficiarios, polo que a inversión total polas dúas canles se sitúa nos 840.000 euros.

Para a adhesión á marca dos devanditos 13 festivais tívose en conta tanto a súa traxectoria e a calidade das súas propostas artísticas e actividades paralelas, como a súa implicación cos territorios nos que se celebran e as boas prácticas empresariais. As medidas para a redución do seu impacto medioambiental e para avanzar na igualdade, así como o seu compromiso cos artistas e grupos galegos, foron tamén elementos determinantes nesta selección.

0.17506003379822