Ulloa Viva pídelle a Besteiro que se rexeiten os fondos europeos que pide Altri
A Plataforma Ulloa Viva reuniuse no Parlamento galego co secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro. En resposta a unha petición de encontro que a plataforma lle remitiu fai meses por carta, Besteiro fixou finalmente para hoxe este encontro, ao que acudiron Marta Gontá, Zeltia Laya e Mónica Cea. Expresáronlle ao líder dos socialistas galegos a petición en nome dos veciños e veciñas que integran Ulloa Viva, de que “traballe para que o goberno do Estado diga non ao financiamento que Altri solicita de fondos europeos”.
Neste senso Besteiro comprometeuse coa plataforma a “axilizar” os encontros solicitados e pendentes cos Ministerios de Transición Ecolóxica e Industria, competentes ambos na adxudicación dos fondos europeos do PERTE da descarbonización ao que pretende concorrer a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. Segundo trasladou Besteiro neste encontro ás representantes da Plataforma, ao PSdeG “non lle gusta o proxecto” da macrocelulosa e “non lle ven cabida para recibir fondos europeos”.
Tamén lles falou Besteiro do traballo do PSdeG para “saber até que punto a Xunta está disposta a financiar” este proxecto con fondos propios. O secretario xeral do PSdeG comprometeuse coa Plataforma Ulloa Viva a manter “un contacto fluído” arredor destes temas e procurar tamén interlocución con Madrid para coñecer das novidades que podan xurdir a respecto. Ulloa Viva explicoulle a Besteiro “o malestar e a preocupación” da veciñanza das comarcas da Ulloa, o Deza, Terras de Melide e Arzúa polos “efectos perxudiciais para o noso futuro, o da nosa terra, o noso territorio e o dos nosos fillos e fillas” diante de informes técnicos tan “demoledores” coma o recentemente presentado polo Consello da Cultura Galega.
Dende Ulloa Viva explicaron ademais a Besteiro que o proxecto de Altri en Palas de Rei “compite polos mesmos recursos que usan os nosos gandeiros e agricultores, e a nosa prioridade é comer e seguir producindo alimentos de calidade”. Tamén lle deixaron claro o “problema” que suporía no corazón de Galicia a previsible “eucaliptización” que provocaría a macrocelulosa, “dos eucaliptos non se come, nós temos soberanía alimentaria e un sistema socioeconómico que nos permite vivir ben, e non imos deixar que acaben con iso”.