Último día para inscribirse no Campus de Verán XuvenCiencia

LugoXa
O X Campus de Verán XuvenCiencia da USC celebrarase do 3 ao 9 de xullo e os interesados poden reservar praza ata este domingo.
xuvenciencia22
xuvenciencia22
28 Maio 2022

Últimos días para inscribirse no X Campus de Verán XuvenCiencia. Unha actividade que ofrece a sede da USC en Lugo entre o 3 e o 9 de xullo e que contará con 16 proxectos e 13 obradoiros de divulgación científica para 95 estudantes de 4º da ESO, Bacharelato e ciclos medios de Formación Profesional.

As persoas interesadas en participar nesta experiencia científica universitaria aínda poden facer a solicitude de reserva de praza no evento ata ás 23.59 horas de mañá, domingo 29 de maio.

O campus científico de estival promovido polo Grupo de Innovación Docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC presenta no programa da súa décima edición, que incrementa en 30 o número de prazas ofertado o pasado curso, un abano de 16 proxectos científico-tecnolóxicos, biosanitarios, de ciencias sociais e de humanidades, nos que poderán participar entre cinco e seis persoas por proxecto.

As propostas do Campus de Verán XuvenCiencia 2022 están inspirada nalgunhas das investigacións máis punteiras que se desenvolven no Campus de Lugo, como as de peixe cebra para o tratamento do cancro e doenzas raras ou a procura de novas fontes de enerxía mediante fotosíntese artificial. Os obradoiros e proxectos desenvolveranse nas propias instalacións universitarias, aínda que algunha das actividades tamén inclúe traballo de campo no Museo Provincial de Lugo e no Arquivo Histórico Provincial.

O Campus de Verán XuvenCiencia recupera este ano actividades como a Xincana XuvenCiencia, que nesta ocasión servirá como proba de apertura, co propósito de favorecer a convivencia entre o alumnado participante. Asemade, o programa mantén visitas a empresas e centros científicos e tecnolóxicos, que nesta ocasión serán Larsa, Finsa, Norvento, Xenética Fontao o CIAR de Rozas, o edificio bioclimático do proxecto Life Lugo + Biodinámico, o Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) e o Hospital Veterinario Rof Codina.

A XuvenFeira, tal e como se coñece Feira de Ciencia do Campus de Lugo, que percorrerá a Aula de Habilidades Clínicas da Facultade de Veterinaria, ademais de incluír demostracións de robótica e realidade aumentada na EPS de Enxeñaría e obradoiros na Aula de Produtos Lácteos e nos laboratorios do Cactus, son outros dos atractivos deste campus.

O alumnado do Campus de Verán XuvenCiencia 2022 poderá tamén participar en visitas guiadas polo casco histórico de Lugo organizadas en colaboración co Concello, ademais de asistir a clases maxistrais impartidas desde o Espazo de Danza e a Aula de Teatro do Campus da USC en Lugo.

O programa inclúe obradoiros de edición de videocreación –a cargo de Merenda Dixital– e de edición de vídeo divulgativo, pezas audiovisuais de elaboración propia que participarán a concurso no Festival de Vídeos XuvenCiencia, nos que se entregarán os premios Proxéctate en Galego e Aresa Júnior.

A veterinaria e divulgadora Eva Cabanelas intervirá na xornada de clausura deste campus de verán, durante a que o proxecto Ciencia Calidade desenvolverá unha sesión de monólogos científicos, tralos que se procederá á entrega de diplomas e á posterior XuvenFesta.

O Campus XuvenCiencia ofértase en réxime de aloxamento e pensión completa en residencias e comedores universitarios do Campus de Lugo. O estudantado estará acompañado en todo momento por persoal cualificado e para os seráns e as noitiñas está previsto o programa Lumieira Acompaña. As entradas e saídas dos e das alumnas realizaranse o domingo 3 de xullo e o sábado 9 de xullo, respectivamente.

A metade das prazas ofertadas no X Campus de Verán XuvenCiencia adxudicarase por orde de recepción de solicitudes, mentres que o resto serán sorteadas entre todo o alumnado inscrito, a fin de garantir así a igualdade de oportunidade entre todo o estudantado a expensas do seu lugar de residencia, explica a coordinadora do grupo XuvenCiencia, Mercedes Novo.

O Campus de Verán XuvenCiencia 2022 conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do da Campus Terra USC, Deputación de Lugo, Concello de Lugo, Aresa e Proxéctate en Galego e coa colaboración da Residencia MiCampus, Larsa, Norvento, Finsa, Xenética Fontao, CIAR, HULA e Hospital Veterinario Rof Codina.

0.13586688041687