Ultreia Galicia reúne en Lugo máis de 160 startups para abordar o futuro do emprendemento

LugoXa
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu o cuarto evento deste programa financiado pola Unión Europea
Ultreia-Lugo
27 sep 2024

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu o cuarto evento do programa “Ultreia Galicia Rexión Emprendedora, retos e solucións para un territorio intelixente”. A iniciativa, financiada pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, conta coa participación de máis de 240 axentes do ecosistema emprendedor galego, 160 startups e 40 empresas tractoras, que expuxeron preto de vinte casos de éxito.

O evento dividiuse en dous bloques principais: o Campus Startups, que inclúe intervencións, mesas redondas e a presentación de proxectos emprendedores, e as mesas de traballo “Retos e Solucións para un Territorio Intelixente”, enfocadas en identificar os desafíos nos sectores clave da provincia de Lugo. Durante a xornada, o secretario xeral da CEL, Jaime López, subliñou a importancia do emprendemento para o futuro da provincia, destacando que as novas empresas son clave para frear a perda de poboación e a fuga de talento.

Pola súa banda, o conselleiro de Emprego, José González, fixo énfase na necesidade de apoiar tanto o emprendemento tecnolóxico como os proxectos vinculados aos sectores tradicionais como o agroalimentario, especialmente nas zonas rurais. No marco do Campus Startups, tres proxectos de Lugo foron seleccionados para competir na fase final de “Ultreia Galicia”: O fogar dos soños (dedicado á transformación da leite de cabra en produtos sostibles), Train2GO.com (xestor de adestramento online) e Asuque (elaboración de vinagre e bebidas a partir de soros excedentes dunha queixería).

O evento tamén contou coa exposición de casos de éxito nos sectores de aeronáutica, forestal, agroalimentario e turístico, así como mesas redondas sobre o financiamento e a consolidación de startups. Esta iniciativa busca reforzar a actividade emprendedora en Galicia, contribuíndo a dinamizar as startups e fixar poboación nas contornas rurais, nun marco de colaboración público-privada.

0.20078206062317