Un acordo entre Deputación e Concello cuadriplicará o estacionamento de Santa María

LugoXa
Un acuerdo entre el ayuntamiento de Lugo y la Diputación Provincial cuadriplicará el estacionamiento público de Santa María.
Reunión comisión estacionamento Santa María
10 Mar 2022

Unha reforma e mellora dos espazos comúns circundantes aos pavillóns do Fogar de Santa María cuadriplicarán o número de prazas de estacionamento para uso público, pasando de 40 a 165. José Tomé explicou que a institución provincial licitará nas vindeiras semanas un proxecto cun investimento inicialmente previsto superior aos 300.000 euros, que incluirá a reordenación e acondicionamento dos espazos libres para estacionamento do recinto, ademais do saneamento dos edificios para evitar filtracións de augas pluviais, entre outras actuacións.

O presidente da Deputación fixo este anuncio despois da reunión da comisión de seguimento do convenio de cesión de Santa María celebrada na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, un encontro durante o que acordou coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, abrir ao público fóra do horario laboral do persoal provincial o aparcamento do complexo unha vez que estean rematadas estas obras, coas que “ofreceremos mellores condicións de accesibilidade, de comodidade e de espazo”, destacou José Tomé, ademais de subliñar que a apertura do estacionamento para uso e desfrute da cidadanía “farase, como non podería ser doutra maneira, con todas as garantías legais e de seguridade, tanto para a propia Administración, como para as persoas que vaian usar este espazo para aparcar”.

Desta forma, cando rematen as obras, o complexo terá acceso ao público para o estacionamento dende a Ronda da Muralla e dende a rúa Chantada e, grazas á decisión do Presidente de acometer un proxecto que reordenará os espazos co acordo da alcaldesa de Lugo, cuadriplicarase o número de prazas dispoñibles.

O proxecto afectará á contorna dos pavillóns 1, 2, 3 e 4 que compoñen o complexo de Santa María, onde a Deputación ten situados seis servizos: Recadación, Medio Ambiente, Asesoría Xurídica, Vías e Obras, Cooperación cos Concellos e Artesanía e Deseño. As actuacións, unha vez contratadas, terán un prazo de execución de tres meses e consistirán na reordenación dos espazos, no afirmado e pavimentación, axardinamento, sinalización, drenaxe do edificio no que se sitúa Vías e Obras, execución de rede de pluviais e conexión aos sumidoiros, instalación de luminarias públicas, e acondicionamento do acceso peonil existente entre as zonas superior e inferior que circundan os edificios.

Máis de 2 millóns de euros de investimento total
O presidente destacou que, despois das obras de rehabilitación e mellora que acometeu a Deputación nos pavillóns un e dous de Santa María cun investimento de 1,7 millóns de euros, e que remataron o pasado mes de setembro, “agora damos este novo paso para acondicionar e poñer en valor o entorno destes edificios, tanto para o uso dos traballadores e traballadoras da Deputación, como para poñelo a disposición da cidadanía en xeral fóra do horario laboral do persoal da institución provincial”. Polo tanto, con este novo investimento, o importe destinado pola Deputación a este complexo superará os 2 millóns de euros.

Na comisión de seguimento, o presidente e a alcaldesa acordaron ademais, unha vez analizado o escrito da Comisaría da Policía Nacional, propoñer a autorización do uso do estacionamento na zona inferior do complexo de Santa María por parte dos e das axentes en servizo nas diferentes quendas.

Na citada reunión, tamén se acordou que, para unha mellor organización das necesidades de cada institución, proximamente formalizarase o uso polo Concello de Lugo do pavillón número 6 e a Deputación pasará a usar o pavillón número 9, logo de que se documenten estes cambios.

José Tomé recalcou que a comisión de seguimento do convenio de cesión do complexo de Santa María é precisa para tomar calquera decisión sobre o recinto, segundo consta no acordo do Pleno da Deputación adoptado no ano 2009 que, no seu punto cuarto, di: “cantas cuestións poidan suscitarse respecto á interpretación, aplicación e desenvolvemento das condicións contidas nas devanditas bases, serán resoltas por unha comisión” composta polo presidente da Deputación e pola alcaldesa de Lugo.

Valoración da Alcaldesa de Lugo
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, incidiu na importancia desta actuación xa que supón “consolidar a nosa firme aposta por dotar ao municipio de máis zonas de aparcamento para facilitar o día a día da veciñanza e, ademais, aumentar a comodidade de turistas e visitantes pero sempre nas mellores condicións e con totais garantías de seguridade”.

A rexedora agradeceu a Tomé a receptividade amosada á proposta trasladada polo Concello de facilitar instalacións do ente provincial como aparcadoiro público, seguindo os pasos xa iniciados polo propio Concello ao abrir o Seminario a cidadanía en horas en que non é utilizado polos traballadores municipais, e lamentou que outras institucións como a Xunta de Galicia non respondesen da mesma maneira, pese a solicitalo.

Méndez lembrou que desde a administración local se puxeron en marcha máis de mil novas prazas de estacionamento público nos últimos seis anos. “O Consistorio leva tempo traballando nun plan que permita aumentar as prazas existentes, tanto na zona centro como nos barrios, respondendo da mellor maneira posible ás necesidades da cidadanía, e tendo en conta as limitacións de espazo urbano e xerando o menor número de afeccións posible”.

0.12828993797302