Un castiñeiro de Lugo foi incorporado ao Catálogo galego de árbores senlleiras
Un castiñeiro de Lugo foi incorporado ao Catálogo galego de árbores senlleiras xunto cunha sobreira localizada no concello pontevedrés de Redondela.
Así consta na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia pola que se notifica a súa inclusión neste rexistro público, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e xestionado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no que figuran todas aquelas árbores e formacións merecentes dunha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais.
En canto ao castiñeiro Casa Fragueiro, está localizado no lugar de Riazón-Ombreiro, no Concello de Lugo. Aínda que moitos autores aseguran que o castiñeiro foi unha especie introducida polos romanos na Península Ibérica, estudos científicos indican que é unha árbore autóctona que xa estaba presente en Galicia antes das últimas glaciacións.
Neste caso concreto, chama a atención sobre todo polas súas características dendrométricas, é dicir, polo seu porte, dimensións e forma. Trátase dun castiñeiro enxertado co tronco groso que se ensancha desde a base ata os tres metros aproximadamente adoptando formas caprichosas que fan del un exemplar de gran beleza e tamaño: máis de 12 metros de alto e 8 metros de circunferencia.
No caso da sobreira do Monte da Peneda, en Redondela, é unha árbore de 20 metros de altura da familia das fagáceas, coa copa irregular, escura, característica da rexión mediterránea e, polo tanto, non moi abundante en Galicia, onde se pode atopar sobre todo nos vales de ríos como o Miño, o Sil, o Umia e o Ulla.
Trátase dun exemplar de fermosa arquitectura e grandes dimensións, cun tronco moi groso que comeza a ramificarse a pouca altura. As ramas séguense dividindo ata formar unha copa de grandes dimensións, redondeada e aberta. Os efectos da idade, a exposición aos ventos mariños cargados de salinidade e o chan moi compacto comezan a manifestarse en forma de sequidade foliar.
Para a inclusión desta sobreira no Catálogo, en todo caso, tivéronse en conta os seus importantes valores culturais. De feito, a sobreira atópase na fachada posterior da actual Ermida da Peneda, de estilo barroco e onde antes se asentaron, entre outros, un antigo castro e o Castelo de Castrizán, construído en 1477 polo Arcebispo de Santiago Alonso de Fonseca, coa principal función de vixiar a Pedro Madruga, que habitaba no veciño castelo de Soutomaior e non era partidario dos Reis Católicos.
Rebaixes, murallas, escaleiras e a planicie da cima onde hoxe se atopa a ermida son testemuñas da construción primitiva, o castelo destruído por Pedro Madruga. Á ermida chégase a través dun túnel de arco de medio punto e bóveda de canón que se encontra nunha muralla reformada no século XIX e que lembra outras entradas de castelos. Do castro orixinal pouco se conserva, pero si se atoparon na zona pezas de cerámica, obxectos de metal e moedas.
UNHA FERRAMENTA EN CONSTANTE ACTUALIZACIÓN
O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.
De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables. Tras a incorporación destes dous novos exemplares, o catálogo suma xa un total de 181 elementos —143 árbores e 38 formacións— pertencentes a 80 especies diferentes. En Lugo son 33 árbores e 6 formacións.