Un cento de carteis e ilustracións amosan o 'Universo Vizoso' en Lugo

LugoXa | AMariñaXa
A exposición poderá visitarse ata o 29 de marzo na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos
mostra-Universo-Vizoso-pazo-san-marcos-lugo-2025
30 Jan 2025

O Pazo de San Marcos acolleu a inauguración da mostra Universo Vizoso, na que preto dun centenar de carteis e ilustracións de Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950) seleccionadas polo comisario da exposición, Aser Álvarez, serven para amosar a evolución creativa de artista mindoniense, alén da súa traxectoria en Sargadelos. Exhíbense acompañadas dunha trintena de fotografías do álbum persoal de Xosé Vizoso.

A deputada de Cultura, Iria Castro, explicou que a mostra nos achega ao universo creativo de Xose Vizoso no ano en que se lle dedica o Día da Ilustración, unha conmemoración á que nos vimos sumando nos últimos anos desde a área de Cultura e que nesta edición nos dá o pé para celebrar un dos artistas gráficos máis destacados da Galicia recente”.

A exposición poderá visitarse ata o 29 de marzo na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos.

Texto de Aser Álvarez González, comisario da exposición

Cando unha galiña pon un ovo faillo saber a toda a aldea, mentres que unha troita deixa milleiros de ovos no río sen que niguén se decate. Con este sinxelo exemplo describía Xosé Neira Vilas o traballo artístico de Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950), un dos máis grandes artistas lugueses. No bacharelato tivo de profesor ao escultor valenciano Juan Puchades, quen estimulou nel a vocación polas artes plásticas. Con 18 anos comezou a traballar en Sargadelos, no departamento de deseño, onde creou ducias de pezas e deseñou e ilustrou centos libros. Pero Vizoso é tamén autor de carteis e logotipos, así como escenógrafo, retratista, caricaturista, pintor e muralista.

Aplicada á alta produción cultural, ao cartelismo, ao deseño gráfico e industrial, á creación do obxecto único e belo e duradoiro para sempre, a arte de Vizoso é múltiple e, sen nos decatar nós ás veces, o seu xenio contrubuiu e contribúe de forma decisiva á formación da paisaxe visual do noso tempo. Non só produce obras senlleiras ou modelos de obra serializabel. Tamén, e ao mesmo tempo, dicta a sensibilidade e o estilo colectivo da época co seu xenio artístico.

Coñecémonos con motivo dunha reportaxe televisiva que fixen sobre unhas pezas que estaba a preparar para conmemorar o centenario do Quixote. Fixémonos amigos e logo comezamos a argallar proxectos xuntos, coma o mítico Mural do Furriolo, unha homenaxe ás vítimas da represión franquista, “un berro de liberdade e diginidade”, como dixo Isaac Díaz Pardo o día que o inauguramos nun acto memorable en Celanova (Ourense) en 2006. Esta exposición é, xa que logo, un relato moi persoal e fondamente marcado pola nosa relación de amizade. Velaquí unha pequena mostra da súa obra como ilustrador, deseñador, escultor, cartelista, muralista, pintor ou caricaturista, coa provincia de Lugo como fío condutor.

Este proxecto nace cando descubro o Universo Vizoso na súa casa. Dende ese día escoito falar as pezas, os bocetos e os cartaces das romerías e festas populares, así coma os seus retratos tabernarios, murais e ilustracións. Vizoso é moito máis que o seu traballo en Sargadelos. Por iso quixemos axudamos a crear a súa propia web, un documental e esta pequena exposición que é so un petisco dunha obra artística inmensa e imprescindible na arte contemporánea galega. Unha viaxe iniciática polo Universo Vizoso a través da provincia de Lugo. Un mundo ateigado de tesouros que habitan o máxico universo deste artista total.

0.17340493202209