Un chef bretón ensinará cociña francesa aos alumnos de Foz

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
29 Out 2019

Samuel Ramos Giquel, propietario e chef do restaurante Auberge Ty An Heol, en Pont Avent (Francia), visitará o IES de Foz a próxima semana. Durante cinco días impartirá formación sobre cociña francesa ao alumnado e profesorado de Hostalería do centro educativo focense e aproveitará para coñecer a comarca, degustar a gastronomía típica da zona e visitar empresas relacionadas co sector, como a produtora de ostras Acueo, en Castropol, a explotación ribadense de agricultura ecolóxica Finca As Fadegas e a lonxa de Burela.

O martes 5 de novembro o cociñeiro bretón elaborará o menú escolar do IES de Foz a base de pratos franceses (quiche de marisco e brocoli, tenreira á Bourgignon e de sobremesa, crêpes) e o xoves 7 preparará un menú bretón no comedor da carta: velouté de mexillóns; solombo de porco con fricassé de mazás e cebola; e de sobremesa unha tartaleta de trigo sarraceno con mazá e caramelo). O resto dos días participará en diferentes clases co alumnado, ensinando especialidades de pastelería e cociña cos diferentes profesores de hostalería. 

Samuel Ramos ten formación tanto en cociña como en xestión de empresas hostaleiras e leva máis de vinte anos traballando no sector, tanto en sala como en cociña. É membro da Alliance Slowfood de cociñeiros en Francia, que promoven unha cociña local, ecolóxica e baseada na produción local. No seu restaurante non hai unha especialidade propiamente dita, os seus pratos adáptanse ás estacións e os seus produtos proveñen de produtores locais directamente.

A profesora coordinadora Erasmus do IES de Foz, Leticia Maseda, explica que colaboración deste cociñeiro francés co IES de Foz “xurde grazas ao programa Erasmus +, xa que no restaurante de Samuel Ramos realizou as súas prácticas durante tres meses un dos nosos alumnos de Cociña, Ayoub Elkamel, sendo a súa experiencia moi positiva e dando froito a esta actividade”.

0.13184499740601