Un congreso advirte das desigualdades que rexen as culturas dos coidados

LugoXa
A profesora da Universidade de Granada Carmen Gregorio critica a “ollada económica e androcéntrica” que aínda persiste no concepto e no labor de coidar, na apertura dun congreso promovido polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feminisas e de Xénero (CIFEX) da USC que cita ata a este venres 17 relatores e máis de 100 participantes en Humanidades.
congreso usc cultura coidados e feminismo
congreso usc cultura coidados e feminismo
28 sep 2023

A profesora da Universidade de Granada Carmen Gregorio critica a “ollada económica e androcéntrica” que aínda persiste no concepto e no labor de coidar, na apertura dun congreso promovido polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feminisas e de Xénero (CIFEX) da USC que cita ata a este venres 17 relatores e máis de 100 participantes en Humanidades.

“O coidado é unha realidade que nos afecta a todas as persoas, pero constitúe un concepto cunha xenealoxía que está atravesada pola desigualdade de xénero, de clase social e de raza”, afirma a profesora do Departamento de Antropoloxía da Universidade de Córdoba, Carmen Gregorio. A tamén coordinadora do mestrado Erasmus Mundus en Estudos das Mulleres e de Xénero fixo estas declaracións na palestra de apertura do congreso internacional ‘As culturas dos coidados e os feminismos’, un foro promovido polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Xénero (CIFEX) da USC e coordinado polas profesoras Elena Freire e Ana Cabana que cita a este venres un total de 17 relatores e máis de 100 participantes no salón de actos ‘Ana Goy Diz’ da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo.

Convencida de que “o coidado é un concepto político inscrito no ámbito do feminismo”, Carmen Gregorio insistiu na súa intervención na necesidade de abordar a cuestión dos coidados desde unha dimensión e unha perspectiva plural, dado que “falar de coidados está relacionado con persoas dependentes, avellentadas, pero tamén cómpre incluir a infancia e mesmo as migracións”, dixo, para logo atribuír a “ollada económica e androcéntrica que aínda rexe as culturas dos coidados ao feito de que históricamente se deixaron fóra deste concepto os chamados traballos de reprodución”.

O relatorio ofrecido por Gregorio baixo o título ‘O dereito a coidar e ser coidado: O que nos desvela falar de coidados desde una perspectiva feminista’ deu continuidade á sesión inaugural do congreso, un acto no que participaron a delegada do reitor da USC para Igualdade, Marta Pérez Barreiro, o xefe territorial da Xunta en Lugo, Javier Vázquez Nodal, e o vicedecano do centro centro universitario lugués, Miguel González Pereira. Logo destas intervencións, Eva Aguayo e Nélida Lorenzo, do CIFEX da USC, pecharon a sesión matinal cunha charla sobre a economía dos coidados.

Programa

O programa do congreso, organizado ao abeiro dun convenio coa Secretaría Xeral de Igualdade para o desenvolvemento do Plan Corresponsables en Galicia, continúa en quenda de tarde co relatorio ‘Do esquecemento da saúde mental: asistencia psiquiátrica e manicomios na España franquista’, a cargo da investigadora da USC Noelia Valiño. A esta intervención seguirá outra, a cargo de Tamara López Fernández, co título ‘Cando coidar era controlar e castigar mulleres: o Patronato de Protección a la Mujer na ditadura de Franco.

A primeira xornada desta reunión científica, na que tamén participan como relatores docentes docentes das universidades de Sevilla e Estremadura, chegará ao seu colofón cos relatorios ‘Pastillas contra a escaseza. Unha historia cultural da medicalización da fame na posguerra’, a cargo de David Conde Caballero, da UNEX, e ‘Coidados, culpas, maternidades en cuestión. Etnografías da malnutrición en Guatemala’, unha temática sobre a que disertará Lorenzo Mariano Juárez.

O investigador do CIFEX da USC Lorenzo Latorre Ruiz abrirá, ás 9.00 horas, o progama do venres coa charla ‘A xestión colectiva dos coidados. Coidados e sexualidades non hexemónicas’. O co-housing como alternativa para o coidado na nova vellez e a etnografía crónica do autocoidado dunha anticoagulada centrará de seguido a temática das intervencións das profesoras na Facultade de Humanidades da USC Elena Freire Paz e Marta Veiga Izaguirre, respectivamente. O investigador da Universidade de Sevilla pechará a sesión matinal do venres coa charla ‘Cando os coidados non teñen prezo. Contrarrestar a soidade’.

As achegas das ciencias sociais ao plan vital desde as perspectivas de xénero, saúde e políticas públicas, e a construción dun círculo de coidados a partir da experiencia de espazo-tempo para os afectos na universidade serán outros dos temas abordados na derradeira sesión deste congreso, que pechará o seu programa cos relatorios ‘Pedagoxía feminista ecoanimal. Coidados interespecie’, a cargo de Milena Villar, e ‘Do traballo doméstico ao traballo dos coidados: poñer a vida no centro’, unha charla que impartirá Guadalupe Jiménez Esquinas.