Un estudo xenómico permitirá avanzar na caracterización e recuperación do Can de Palleiro

A Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu a presentación dos resultados dun estudo xenómico para a caracterización e recuperación do Can de Palleiro, unha raza canina autóctona de Galicia. O traballo permitirá avanzar no coñecemento xenético desta especie e reforzar as medidas destinadas á súa identificación, conservación e promoción.
No acto participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares; o catedrático de Xenética da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e responsable do estudo, Paulino Martínez, e o presidente da asociación Can de Palleiro, Daniel Conde.
Villares destacou que a investigación foi financiada integramente pola Consellería do Medio Rural, que mantén unha colaboración continuada co Club Raza Can de Palleiro para impulsar a recuperación e preservación desta especie. Neste marco, a Xunta achega 80.000 euros á entidade a través dun convenio renovado o pasado ano e vixente ata 2028, destinado a desenvolver novas iniciativas de fomento e difusión da raza.
O delegado territorial sinalou que esta colaboración está a ter unha repercusión positiva na evolución do Can de Palleiro, cun incremento tanto do número de criadores como dos animais inscritos no libro xenealóxico. A investigación xenómica súmase así ás actuacións destinadas a garantir a conservación dunha raza que forma parte do patrimonio xenético, social e cultural galego.
O Can de Palleiro foi recoñecido oficialmente en 2001, tras constatarse a existencia dunha poboación de cans identificada con esta denominación polos seus criadores e caracterizada por compartir uns trazos físicos e xenéticos similares e diferenciados. A partir dese recoñecemento, publicouse o seu estándar racial e creouse o libro xenealóxico, ferramentas fundamentais para ordenar a súa identificación e favorecer a recuperación da especie.