Un investigador da USC lidera un ambicioso programa de actividades con motivo do eclipse

O próximo 12 de agosto a Península Ibérica vivirá un dos eventos astronómicos máis importantes do século: unha eclipse total de Sol. Pola súa posición xeográfica, a súa climatoloxía e a súa contorna histórica-monumental, a cidade de Lugo foi sinalada como un dos mellores destinos de toda Europa para contemplar este fenómeno na súa máxima plenitude. Co obxectivo de maximizar o impacto científico, educativo e turístico desta cita histórica, púxose en marcha un ambicioso programa de actividades baixo a dirección do investigador Manuel Andrade Baliño, coordinador da área de Astronomía e Astrofísica do Departamento de Matemática Aplicada da USC e investigador vinculado ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).
O proxecto busca achegar a astronomía á poboación e garantir que a eclipse se poida desfrutar de forma segura. A programación inclúe un ciclo de conferencias divulgativas, actividades educativas e o lanzamento dun web con ampla información sobre o fenómeno astronómico e sobre as actividades previstas. O momento central chegará a tarde do 12 de agosto, cando a Lúa cubra por completo o disco solar, sumindo á cidade nunha espectacular penumbra diúrna. Esa tarde terá lugar unha gran observación pública en dous singulares enclaves do centro da capital lucense: o monumental adarve da Muralla de Lugo e o emblemático Parque de Rosalía de Castro.
Durante a xornada despregarase unha infraestrutura especial que incluirá observación con telescopios e prismáticos solares que permitirán visualizar diferentes fenómenos na superficie do Sol durante as fases parcial e total, pantallas xigantes e dispositivos de proxección para seguir o avance das fases da eclipse en tempo real. Ademais, repartiranse lentes homologadas gratuítas de xeito masivo para previr riscos oculares entre os asistentes.
"Non estamos ante un evento astronómico común; trátase dunha oportunidade científica e de dinamización cultural única na vida dunha comunidade", sinala o investigador Manuel Andrade Baliño. Desde unha perspectiva tanto astronómica como cultural, Lugo perfílase como un dos mellores enclaves urbanos do mundo para observar a eclipse total, o que atraerá non só a veciños de toda Galicia, senón tamén a afeccionados ao astro turismo de todo o planeta.
Un dos piares máis salientables desta iniciativa é a súa firme aposta en favor da implicación da mocidade graduada en actividades científicas e de transferencia do coñecemento. Así, o proxecto anunciou que o próximo 15 de xuño de 2026 abrirase a convocatoria para solicitar 25 bolsas de inicio á investigación. Estas bolsas están dirixidas especificamente a estudantes universitarios, brindándolles a oportunidade única de integrarse nun equipo científico de primeiro nivel e participar activamente nunha actividade divulgativa a gran escala.
O proxecto conta co cofinanciamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Tamén se sumaron a esta iniciativa a Deputación de Lugo, o Concello de Lugo, Caixa Rural Galega e a Sociedade Española de Astronomía.
Na presentación oficial do proxecto, que tivo lugar este venres 12 no Pazo de Montenegro, participaron Ana Cabana Iglesia, vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela; Javier Roca Pardiñas, director científico en funcións do CITMAga; Olimpia López Rodríguez, subdelegada do Goberno en Lugo; Iria Castro Fernández, deputada da Área de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo; Elena Candia López, alcaldesa de Lugo; Jesús Méndez Álvarez Cedrón, director xeral de Caixa Rural Galega; e Manuel Andrade Baliño, responsable científico do proxecto e investigador da Área de Astronomía e Astrofísica da USC.
Pola súa banda, a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, asistiu esta mañá tamén á presentación do proxecto, “una iniciativa que favorece o coñecemento e a divulgación da cultura científica. As actividades propostas fomentan o valor público e social da ciencia e a súa contribución á calidade democrática e o benestar social”.
A subdelegada, como representante do Goberno de España, quixo engadir “que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado traballarán para garantir a seguridade e a mobilidade no desenvolvemento das actividades e durante a observación da eclipse”.