Un mural de Diego AS rende homenaxe a Benedicta Sánchez na fachada da antiga Cámara Agraria do Corgo

LugoXa
A obra chega tres anos despois de que o BNG local presentase unha moción para solicitar esta intervención e súmase á homenaxe realizada á actriz na Semana de Cine de Lugo
mural-Benedicta-Sánchez-no-Corgo
11 Nov 2026

O artista Diego AS realizou un mural dedicado á actriz Benedicta Sánchez no edificio da antiga Cámara Agraria do Corgo, unha construción de titularidade municipal que foi rehabilitada recentemente tras permanecer abandonada durante anos.

A iniciativa responde a unha petición formulada polo BNG do Corgo en 2023, cando rexistrou unha moción para solicitar a creación dun mural en homenaxe á actriz, gañadora do premio Goya á mellor actriz revelación en 2020. A formación nacionalista celebrou que a proposta se materializase finalmente tres anos despois e agradeceu o traballo de Diego AS, ao que trasladou o seu recoñecemento pola obra.

A moción tamén incluía a realización dun mural dedicado a Jesús Abuín, nomeado fillo predilecto do municipio. Esta segunda homenaxe xa figura no palco, un espazo que, segundo explicou o BNG, garda relación co desexo que sempre expresou Abuín de que O Corgo contase cunha biblioteca. A formación considera que o Punto de Atención á Lectura é actualmente o recurso máis próximo a esa aspiración, aínda que asegura que seguirá reclamando a creación dunha biblioteca municipal con persoal bibliotecario.

A intervención artística sobre Benedicta Sánchez chega tamén despois da colocación dunha placa na súa honra durante a Semana de Cine de Lugo, celebrada en setembro. Con este novo mural, a figura da actriz queda tamén presente no seu municipio.

O edificio da antiga Cámara Agraria, situado xunto á N-6 e próximo a varios servizos municipais, permaneceu abandonado durante anos e chegou a estar en risco de derrubamento. O alcalde, Felipe Labrada, defendeu a súa conservación polas posibilidades que ofrecía para acoller diferentes usos municipais. A recente rehabilitación e a incorporación do mural supoñen un novo paso na recuperación e valorización deste inmoble.

0.18206405639648