Un obradoiro de cómic achega a memoria democrática ao alumnado da Escola de Artes e Oficios de Lugo

LugoXa
A iniciativa, impulsada pola Delegación do Goberno en Galicia, permitiu crear un espazo de reflexión a través da ilustración e da elaboración dun fanzine sobre os cambios sociais e os dereitos conquistados coa democracia
Fanzine-España-en-Democracia-Lugo
2 Nov 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, recibiu na Subdelegación os participantes nun obradoiro de creación de cómics coordinado polo autor e xestor cultural Manel Cráneo e impartido pola ilustradora Inés Vázquez. A actividade contou co impulso da Delegación do Goberno en Galicia e do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade.

Na iniciativa participou alumnado da Escola de Artes e Oficios de Lugo, ao que López agradeceu a súa predisposición para dialogar a través dun espazo de pensamento crítico dirixido á mocidade. A subdelegada destacou a importancia da cultura para abordar cuestións como a memoria democrática e asegurou que desde a institución continuarán promovendo actividades que permitan crear estes espazos de reflexión nas escolas, nos teatros e preto da cidadanía.

O obxectivo do obradoiro é elaborar un fanzine que os participantes poderán levar ás súas casas, nun proceso creativo vinculado á reflexión sobre a democracia e os dereitos sociais. Ademais, os asistentes recibirán un exemplar do volume colectivo 'España en liberdade 1975-2025. 50 anos, 10 historias'.

A publicación reúne propostas de dez ilustradores que reflexionan sobre os dereitos e os cambios sociais asociados á chegada da democracia. Entre os autores figuran Alberto Guitián, Teresa Ferreiro, Jano Viñuela, Sebas Martín e o propio Manel Cráneo.

As historias abordan cuestións como o dereito ao voto, a liberdade de expresión, as reivindicacións laborais, a igualdade entre homes e mulleres, o divorcio, o acceso aos anticonceptivos, o dereito ao aborto, a diversidade sexual e afectiva, a sanidade pública e o recoñecemento do galego como lingua cooficial.

Manel Cráneo traballou como ilustrador para editoriais como Richmond Publishing, Santillana, Xerais, Edelvives e Everest, así como para distintas produtoras audiovisuais. En 2009 fundou Demo Editorial, que dirixe desde entón, e desde 2024 está á fronte do festival Viñetas desde o Atlántico. Entre os seus recoñecementos figura o Premio Nacional de Cómic sobre Vida e Obra de García Lorca, concedido en Granada en 1998.

Pola súa banda, Inés Vázquez formouse en ilustración na escola O Garaxe Hermético, en Pontevedra, despois de iniciar estudos de Comunicación Audiovisual. Tras participar en diferentes fanzines e proxectos de ilustración, incorporouse ao ámbito da animación, para o que realizou ilustracións preparatorias para Lighthouse Studios, en Irlanda.

0.16744303703308