Un paseo guiado por Lugo achegará a observación de aves ao río Miño este domingo

O Grupo Naturalista Hábitat, en colaboración coa UNED de Lugo, organizará este domingo, 26 de abril, unha actividade de observación de aves nos arredores do río Miño ao seu paso pola cidade de Lugo, unha proposta que se desenvolverá entre as 17:00 horas e as 20:00 horas dentro do programa Hábitat Protexe.
O percorrido terá lugar na zona do Barrio da Tolda e permitirá ás persoas participantes iniciarse na identificación de especies comúns, tanto de ámbito terrestre como acuático. Durante a xornada tamén se abordarán cuestións relacionadas coa ética da observación de aves, así como o manexo de material óptico, o uso de guías de campo e distintas aplicacións tecnolóxicas de apoio.
A actividade coincide cun período especialmente favorable para este tipo de prácticas, xa que nestas datas conviven especies residentes con aves estivais. Entre elas destacan os cirrios euroasiáticos (Apus apus), que nestes días comezan a formar colonias numerosas en distintos puntos da cidade.
Para participar será necesario realizar inscrición previa e aboar unha cota. Os fondos recadados destinaranse a accións de custodia do territorio e defensa ambiental a través do Proxecto Vixías, co obxectivo de reforzar iniciativas de conservación no ámbito local.