Un percorrido polos fornos do cal pon en valor o patrimonio industrial de Castroverde

A Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde promoveu unha visita guiada a varios fornos do cal situados no termo municipal, nunha xornada que, tras semanas de intensa chuvia, contou coa presenza do sol, aínda que por momentos fixo acto de presenza unha lixeira orballada.
O itinerario comezou no forno do cal de Bolaño, desde onde o grupo ascendeu ata a canteira de calcaria da Valiña e se achegou á cova da Valiña, espazo do que tamén se extraía pedra destinada á produción de cal. A ruta continuou cara a Serés para coñecer o forno do Toutón, no que os participantes puideron examinar a súa configuración construtiva, antes de regresar para visitar o forno de Vilar de Serés.
Posteriormente, a comitiva desprazouse ata Castedo, onde se conservan varios fornos que manteñen en bo estado a súa estrutura, aínda que a maleza invade tanto a contorna como o interior destas construcións, unha circunstancia que tamén afecta aos anteriores. A xornada proseguiu no cruce de Vilafrío, onde, segundo explicou o socio Pablo Castedo, chegaron a existir ata tres fornos.
Xa en Córneas, os asistentes observaron outro forno e fixeron unha parada para analizar a Cruz de Córneas, unha cruz latina sen imaxes, de notables dimensións, con sección cadrangular en ambos brazos e pequenos biseles. A peza, realizada integramente en granito, érguese sobre unha base poliédrica e paralelepípeda irregular. De trazo esvelto e sinxelo, conserva dúas inscricións: na cara norte pode lerse “ALONSO MORÁN ANO 1766”, mentres que na sur figura “DE CORNIAS”.
Ao pasar pola Meda, o grupo divisou ao lonxe o emprazamento doutros tres fornos, situados no coñecido como camiño dos Fornos, así como a caleira da Meda. A organización tiña previsto completar o percorrido coa visita ao forno de Outeiro, aos fornos de Silvaldes e ao de Rebordaos, mais esta parte quedou pendente para unha futura ocasión.
Xa pola tarde, a actividade continuou cunha conferencia impartida pola arquitecta María Teresa González Morgade, que abordou o emprego da terra e da cal desde o Neolítico, pasando pola etapa romana e medieval, ata practicamente os primeiros anos do século XX. Durante a súa intervención explicou a existencia de bandos municipais que obrigaban a encalar as vivendas e amosou imaxes de distintas épocas, incluíndo fotografías de prazas como a de Pontevedra encaladas a finais do século XIX e comezos do XX. Tamén expuxo traballos realizados en zonas como O Courel, Mondoñedo e o propio Castroverde, así como o papel do porto de Ribadeo na distribución da cal cara a diferentes puntos de Galicia que carecían deste recurso.
Tras a exposición abriuse un coloquio no que varios asistentes intercambiaron impresións arredor da relevancia histórica e patrimonial da industria da cal. A asociación quixo agradecer publicamente a María Teresa González Morgade a súa disposición para desprazarse ata Castroverde e compartir os seus coñecementos sobre esta actividade tradicional.